A Fiscalía exixe ao Brasil que non abandone os yanomami

Multiplícanse no pobo yanomami as crianzas enfermas, desnutridas e sen atención sanitaria, polo que a Fiscalía do Brasil resolveu dar 90 días ao Ministerio de Saúde para resolver a situación antes de intervir.
Indíxenas yanomami nunha imaxe de arquivo. (Foto: Ambar)
photo_camera Indíxenas yanomami nunha imaxe de arquivo. (Foto: Ambar)

Os yanomami son un pobo dunhas 35.000 persoas que habita na fronteira do Brasil con Venezuela. Após un documental de Globo no que se revela o abandono do Executivo que encabeza Jair Bolsonaro, amosando crianzas enfermas, desnutridas e sen atención sanitaria, a Fiscalía exixiu ao Goberno que actúe para reverter a situación ou ameaza con intervir para que o Estado cumpra coas súas obrigas.

A decisión do Ministerio Público Federal no estado de Roraima, no norte do territorio, insta o Ministerio de Saúde a impulsar un plan de atención básica para que as e os yanomami conten cun servizo de atención médica e cunhas mínimas condicións de saúde. A Fiscalía deu un prazo de 90 días para executar este programa antes de asumir as funcións do Ministerio no distrito.

O fiscal Alisson Marugal denunciou na noite da segunda á terza feira que, "en menos de dous anos, investíronse máis de 150 millóns de reais (arredor de 25 millóns de euros) en saúde para os yanomami, e o que observamos é o empeoramento dos indicadores de saúde: mortalidade infantil, desnutrición e malaria".

Asemade, fixo fincapé en que o gabinete ten que nomear xestoras e xestores capaces de reestruturar o sistema de saúde na zona, e reforzar os postos que sexan precisos, así como a loxística aérea para que teñan subministracións dabondo, ao tempo que cuestionou a “evidente falta de asistencia básica”.

Minería ilegal na zona

Nesta rexión da selva amazónica -o estado de Roraima ten máis de 10 millóns de hectáreas de superficie-, mineiros ilegais apoiados polo Goberno Bolsonaro destrúen o bosque buscando ouro, acosando os pobos indíxenas, asevera o dixital G1.

O Ministerio de Saúde sostivo que os fondos para atención sanitaria foron dedicados a mercar subministracións, medicinas e contratación de persoal. A pesar diso, o coordinador de saúde no distrito, Rómulo Pinheiro, recoñeceu que “hai que mellorar”, mantendo que as imaxes de Globo, tras dúas semanas de investigación no lugar, “non son unha realidade en toda a reserva”.

Na reclamación da Fiscalía ponse o foco na necesidade de avaliar as contas do distrito sanitario e das institucións que xestionaron os cartos que, en teoría, foran dirixidos á asistencia médica dos yanomami.

Comentarios