100.000 evacuadas en Filipinas por unha "das tormentas máis fortes do mundo"

Situación límite en Filipinas coa chegada do tifón Rai, que obrigou a evacuar varios milleiros de persoas.
A Garda Costeira de Filipinas no medio dun rescate esta quinta feira durante o tifón Rai. (Foto: Garda Costeira de Filipinas)
photo_camera A Garda Costeira de Filipinas no medio dun rescate esta quinta feira durante o tifón Rai. (Foto: Garda Costeira de Filipinas)

Ás 06:30 da mañá desta quinta feira, o servizo meteorolóxico de Filipinas, Pagasa, anunciou que o tifón Rai tocou terra por vez primeira na illa Siargao, na provincia oriental de Surigao do Norte.

A velocidade dos ventos do tifón -denominado Odette en Filipinas- chega aos 195 quilómetros por hora perto do centro da tormenta, con refachos de até 240 km/h. É unha “das tormentas máis fortes do mundo en 2021” e “ameaza millóns de persoas con ventos destrutivos e inundacións repentinas”, transmitiu a Federación Internacional de Sociedades da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella.

Até o de agora, arredor de 100.000 persoas foron evacuadas ou fuxiron dos seus fogares, aínda que o número medrará nas vindeiras horas, após declarar a Axencia nacional de mitigación de desastres (Ndrrmc polas súas siglas en inglés) que oito rexións do país están no nivel máis alto de alarma.

A poboación destas oito rexións, localizadas nas illas do centro e sur do arquipélago, alcanza os 30 millóns de persoas.

Con este xa son 15 os tifóns que tivo que enfrontar a poboación filipina en 2021, porén, o Centro Conxunto de Alerta de Tifóns da Mariña dos Estados Unidos considerou Rai como un súper tifón, acadando o nivel 5 na escala de furacáns de Saffir-Simpson. En todo o planeta, este tipo de tormenta aparece unhas cinco veces ao ano.

“Os filipinos son duros, mais este súper tifón é un duro golpe para millóns de persoas que aínda se están a recuperar de devastadoras tormentas, inundacións e Covid-19 o ano pasado”, sinalou Richard Gordon, presidente da sección estatal da Cruz Vermella, en declaracións recollidas por Al Jazeera.

Ademais, a Oficina para a Coordinación de Asuntos Humanitarios da Organización das Nacións Unidas (ONU) advertiu de que nas zonas nas que se prevé un maior impacto dos “ventos con forza de tifón moi destrutivo” dos que alertou Pagasa, 2,1 millóns de persoas viven nunha situación humanitaria especialmente crítica.

Pola súa banda, o Fondo da ONU para a Infancia (Unicef), anunciou que está a preparar subministracións para axudar as persoas afectadas. Nun comunicado, salientou que “as crianzas son quen máis sufre sempre en crises humanitarias”, estimando en 700.000 as menores vulnerábeis perante o tifón Rai.

Reacción estatal

Ao notificarse as primeiras inundacións, escorreduras de terras, cortes de subministracións e cortes de estradas, as autoridades filipinas puxeron o foco nas evacuacións.

Asemade, ordenouse a todos os buques que volveran a porto, deixando varadas 4.000 persoas e traballadores de transbordadores e barcos de carga. O mesmo aconteceu nos aeroportos, ao cancelarse varios voos, a meirande parte nacionais.

Ao tempo, nas zonas máis afectadas fecháronse os centros de traballo, e en provincias como Cebú, con oito millóns de habitantes, suspendéronse as clases.

Outro dos procesos interrompidos polo tifón é a campaña de vacinación contra a Covid-19. Nese sentido, os medios filipinos incidiron no risco de que as evacuacións aumenten o impacto do Sars-CoV-2 no país, ao encher os refuxios de emerxencia e imposibilitar o mantemento da distancia social.

No que atinxe ás necesidades básicas, o Goberno que lidera Rodrigo Duterte puxo a disposición das comunidades 5,8 millóns de euros en subministracións alimentarias e non alimentarias.

En outubro, o tifón Kompasu deixou 11 persoas no norte e oeste do país. Non obstante, xornais como o Inquirer filipino comparan a situación con episodios climáticos de maior envergadura, como o tifón Sendong, que deixou 1.200 defuncións en 2011, ou o tifón Haiyan en 2013, que acabou coa vida de 5.700 persoas no arquipélago.

Cambio climático

Un estudo publicado en agosto do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático da ONU ratificou como o incremento das temperaturas globais está a influír no aumento de fenómenos meteorolóxicos extremos.

Amais do aumento do número e da forza dos tifóns, en Filipinas até o 61% das mortes por calor son responsabilidade do cambio climático, a pesar da baixa contribución do país asiático a esa situación.

Comentarios