Catalunya

Marchas a pé, manifestacións e mesmo un novo 'referendo' para reivindicar o legado do 1-O

Para a xornada deste domingo, no que fai seis anos o referendo independentista de Catalunya, están convocados desde primeira hora da mañá numerosos actos ao longo do país.
Acto reivindicativo do referendo independentista do 1 de outubro de 2017, este domingo, en Barcelona. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)
photo_camera Acto reivindicativo do referendo independentista do 1 de outubro de 2017 convocado pola ANC, este domingo, en Barcelona. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)

Ás portas da decisiva sesión de investidura de Pedro Sánchez e co apoio das forzas soberanistas aínda no ar, Catalunya conmemora este domingo o sexto aniversario do referendo independentista convocado o 1 de outubro de 2017, tamén domingo. E para o longo desta xornada están convocados numeros actos, marchas e manifestacións e mesmo unha consulta popular, todo co obxectivo de situar de novo a autodeterminación no centro do debate político.

Varias persoas convocadas polos Comités de Defensa da República (CDR) e outras entidades independentistas marchan desde este domingo pola mañá cara á antiga prisión Model de Barcelona. Marchan a pé desde Badalona, Montcada i Reixac e Sant Feliu de Llobregat e El Prat, e en vehículos desde Sitges e Sant Cugat del Vallès (Barcelona). Algúns participantes suxeitan fachos e carteis con mensaxes a favor da independencia e outros ondean esteladas.

O president da Generalitat, Pere Aragonès, pediu este domingo "unidade" ao independentismo para facer realidade un novo referendo cuxo resultado sexa "respectado e implementado". Díxoo nunha declaración institucional con motivo do sexto aniversario do 1-O desde Fonollosa (Barcelona), municipio no que a Garda Civil actuou para evitar a votación. "Farémolo con toda a convicción, buscando o punto de encontro que debemos ser capaces de construír", reiterou, ao mesmo tempo que advertiu: "A amnistía por si soa non resolve o conflito. Só se resolverá votando".

O president da Generalitat, Pere Aragonès, este domingo. (Foto: RTVE)
O president da Generalitat, Pere Aragonès, este domingo. (Foto: RTVE)

Na mesma liña apuntou o presidente de ERC, Oriol Junqueras, que advertiu que non renunciará ao dereito a votar e defendeu "o legado e a presenza desa xesta democrática". "O 1-O de 2017 fomos quen de exercermos un dereito fundamental ao cal non renunciaremos nunca, un dos dereitos democráticos máis fundamentais: o dereito a votar", dixo. Junqueras, que foi condenado e encarcerado por organizar o 1-O cando era vicepresidente da Generalitat, asegurou que desde Esquerra seguirán defendendo "unha República catalá, unha Catalunya independente e un mundo máis democrático e mellor".

Tamén o presidente de Òmnium Cultural, Xavier Antich, apostou este domingo por sumar forzas diversas dentro do independentismo coa mesma determinación do 1-O de 2017 para facer máis grande o seu "poder" e alcanzar a independencia. "O 1-O foi o 1-O porque se uniu todo o mundo. Nunca antes conseguíramos tanto poder", lembrou, a través das redes sociais. Esa data, dixo, marca o camiño, mais cómpre "rematar o traballo e vivir nunha República catalá".

Desde Junts, o secretario xeral da formación e ex conselleiro, Jordi Turull, e o tamén ex conselleiro Josep Rull reivindicaron a "determinación" do independentismo no 1-O. Turull, que foi encarcerado por impulsar o referendo cando era conselleiro da Generalitat, asegurou que ese día houbo un referendo de autodeterminación lexítimo no que gañou o 'si' á independencia "de maneira abafadora a pesar de tanta represión". "Se persistimos coas mellores actitudes e determinación deses días, seguro que culminamos o seu mandato", manifestou.

Noutra mensaxe en Twitter, Rull lembrou esa xornada, pola que tamén foi condenado a prisión: "O día que nos sentimos máis pobo que nunca. Un 'nós' poderosísimo empapado de determinación, de firmeza, de esperanza. O día que derrotamos o medo". E o presidente de Junts no Parlament, Albert Batet, engadiu: "Hoxe hai seis anos celebramos o acto de soberanía máis importante da nosa historia recente. Foi unha vitoria de país. O referendo do 1-O marca o camiño cara á independencia de Catalunya!". Aliás, a presidenta de Junts, Laura Borràs, lembrou este domingo que en 2017 a cidadanía votou para gañar "un futuro de liberdade e prosperidade".

Manifestación da ANC: "Se o Govern non fai a independencia, que convoque eleccións"

Dolors Feliu, presidenta da ANC, este domingo. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)
Dolors Feliu, presidenta da ANC, este domingo. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)

A Assemblea Nacional Catalana (ANC) convocou o seu propio acto na praza de Urquinaona de Barcelona —para logo marchar en manifestación até a praza de Sant Jaume—, e a súa presidenta, Dolors Feliu, exixiu ao Govern que convoque eleccións "se non se atreve a facer" a independencia no caso de que o Congreso aprobe unha Lei de amnistía.

"Se o Govern e este Parlament, de 52% de votos independentistas, non se atreven a facelo ou non queren, que convoquen eleccións e dean voz a un Parlament libre, escollido por un pobo sedento de liberdade. Que convoquen eleccións se non queren facer a independencia", reiterou. Para Feliu, a independencia debe facerse "desde Catalunya", polo que "se no Congreso hai unha Lei de amnistía, o mesmo día que se aprobe, no Parlament debe resoar a independencia".

Consulta popular en Òrrius

A xornada reivindicativa do referendo do 1 de outubro de 2017 inclúe tamén unha consulta popular para sondar os apoios do independentismo. É a organizada no concello de Òrrius (comarca de Maresme, Barcelona), que conta con 793 veciños e veciñas. As urnas abriron ás 9 horas deste domingo e todas as persoas maiores de 17 anos poden depositar o seu voto até as 20h. E non só a veciñanza censada en Òrrius pode votar, pois hai unha segunda urna habilitada para recoller os sufraxios doutros cataláns e catalás que queiran expresar a súa vontade.

A papeleta da consulta de Òrrius. (Foto: Pere Millan / VilaWeb)
A papeleta da consulta de Òrrius. (Foto: Pere Millan / VilaWeb)

Comentarios