Máis de 700 persoas detidas en novas protestas en Irán pola morte de Mahsa Amini

Desde pasado 18 de setembro, día no que tivo lugar o funeral, as protestas aumentaron en número e intensidade, producíndose choques coa policía cada vez más violentos. 

Cartel en lembranza de Mahsa Amini (Foto: Nós Diario).
photo_camera Cartel en lembranza de Mahsa Amini.

As protestas desatadas en Irán  tras a morte de Mahsa Amini, de 22 anos, por "non ter obedecido as regras do veo islámico" chegan xa ao seu sexto día, deixando un balance, polo de agora, de máis de 700 detidos e, polo menos, 17 mortos, aínda que algunhas fontes elevan até 50 esta cifra. 

Amini, da minoría kurda de Irán, foi detida o 13 de setembro en Teherán por “vestir inadecuadamente”, é dicir por non levar ben axustado o hijab. Tres días despois, faleceu tras desmaiarse nun centro de detención e caer en coma, entre denuncias de torturas e malos tratos. O presidente iraniano, Ebrahim Raisi, ordenou unha investigación sobre o sucedido, mais as protestas estendéronse por moitas provincias, distritos e cidades do país. 

Desde pasado 18 de setembro, día no que tivo lugar o funeral, as protestas aumentaron en número e intensidade, producíndose choques coa policía cada vez más violentos. 

 

A vaga de manifestacións, encabezadas pola mocidade, enche as rúas do país,  en protesta polo uso obrigatorio do hijab. A revolta esixe que o goberno asuma a responsabilidade da morte de Amimi, mais as autoridades cualificaron o episodio de "incidente lamentábel" e aseguraron que a muller tiña problemas cardíacos e que tras ser detida sufriu un infarto. A familia de Amimi nega que tivese enfermidade cardíaca ningunha. 

O presidente iraniano afirmou que as protestas deben ser "enfrontadas de forma decidida" para garantir a estabilidade do país. Así mesmo, o Exército dos Gardiáns da Revolución Islámica afirma que está disposto "a actuar de apoio ao resto das forzas de seguridade" coas protestas. 

A medida que as protestas seguen estendéndose por todo o país, os recortes realizados polas autoridades iranianas para acceder a internet e aplicacións como Telegram vanse xeneralizando. Son as restricións máis amplas desde as protestas de 2019. 

O Exército iraniano advertiu onte aos que saíron á rúa nos últimos días que están dispostos "a facer fronte ás conspiracións dos inimigos”, mais as manifestacións continúan en distintas cidades do país sen ser silenciadas pola represión das protestas. Pola contra, esténdense por cada vez máis cidades, entre elas a cidade santa de Qom, onde naceu o líder supremo da teocracia, Ali Khamenei. 

 

Comentarios