Máis de 500 persoas arrestadas nas protestas do 1 de Maio en Francia

Os sindicatos anuncian novas mobilizacións en xuño á espera da decisión do Consello Constitucional esta cuarta feira sobre o referendo para frear a reforma das pensións de Macron.
Represión o 1 de Maio en París. (Foto: Europa Press)
photo_camera Represión o 1 de Maio en París. (Foto: Europa Press)

O ministro de Interior de Francia, Gérald Darmanin, fixo público a terza feira que 540 persoas foron detidas nas protestas do Día Internacional da Clase Traballadora a segunda feira e as horas posteriores, convertido polos sindicatos nunha xornada de mobilización xeral contra a reforma das pensións cuxa aprobación forzou o presidente Emmanuel Macron.

Darmanin acusou grupos de extrema esquerda de “atacar a Policía”, en paralelo, a primeira ministra Élisabeth Borne reiteraba que se “alcanzou un novo nivel de violencia”, após as denuncias pola represión da Policía durante as protestas contra a reforma, da que chegou a alertar a Organización das Nacións Unidas. Arredor desa cuestión, Darmanin incidiu na necesidade de aprobar unha “lei anti matóns”.

A meirande parte das detencións producíronse en París, a capital francesa, ao que se engaden os reportes de 61 manifestantes feridos, así como máis de 400 axentes das forzas de seguridade francesas.

No que atinxe ás forzas sindicais que lideran desde hai catro meses as protestas contra a reforma que eleva de 62 a 64 anos a idade de xubilación, anunciaron a terza feira que o 6 de xuño decorrerá unha nova xornada de mobilización xeral centrada na acción industrial, para que “os traballadores se fagan escoitar polos parlamentarios”, dous días antes de que se debata no lexislativo un proxecto da formación centrista LIOT para reverter a reforma de Macron.

O líder do grupo parlamentar da formación, Bertrand Pancher, amosouse confiado de poder convencer membros da forza conservadora Os Republicanos para avalar a proposta.

En todo caso, o Consello Constitucional estudará hoxe a segunda proposta de referendo de iniciativa compartida defendido polas formacións progresistas para que sexan as francesas e franceses quen determine se fica prohibido fixar a idade legal de xubilación máis alá dos 62 anos.

O organismo xa rexeitou a primeira proposta de referendo o 14 de abril ao entender que non implicaba unha reforma, posto que naquel momento a mudanza no sistema de pensións non fora promulgada aínda, polo que as forzas progresistas introduciran pouco antes da decisión do Constitucional esta segunda proposta cunha pequena modificación.

Nesta ocasión, medios franceses refiren que o principal debate no seo do Consello será que esta clase de referendos non poden tratar de derrogar unha disposición promulgada hai menos dun ano, porén, a xurisprudencia do órgano sinala que a data a ter en conta é a do rexistro da iniciativa.

Comentarios