O lexislativo francés desbota as mocións de censura pola reforma das pensións

As protestas aumentan no territorio francés desde a aprobación sen o voto do lexislativo da reforma das pensións forzada polo presidente Macron.
Marcha contra a reforma o 18 de marzo en Nantes. (Foto: Loic Venance / Afp)
photo_camera Marcha contra a reforma o 18 de marzo en Nantes. (Foto: Loic Venance / Afp)

A Asemblea Nacional francesa rexeitou onte as dúas mocións de censura presentadas contra o Executivo da primeira ministra Élisabeth Borne despois de que a pasada quinta feira o presidente do país, Emmanuel Macron, forzara a aprobación da reforma das pensións que eleva de 62 a 64 anos a idade de xubilación por medio dun recurso constitucional excepcional para dar luz verde á norma sen o voto do lexislativo, perante o temor de Macron a que denegase o visto e prace á mudanza legal. Das 100 veces que foi utilizado este mecanismo desde 1958 11 corresponden ao Goberno de Borne.

Deixando a un lado a moción de censura rexistrada pola extrema dereita, que quedou lonxe dos votos necesarios para prosperar, a proposta multipartidista encabezada polo centrista LIOT e pola progresista Nova Unión Popular Ecolóxica e Social ficou a apenas nove votos de acabar co Executivo de Borne, o que tería invalidado a aprobación da reforma das pensións e con moita probabilidade implicado a disolución do parlamento e a convocatoria a novas eleccións lexislativas.

Aínda así, os 278 votos contra Borne amosan a forte división nos Republicanos, a forza conservadora que apoiou a reforma no Senado, a pesar de insistir o presidente do partido, Éric Ciotti, en que non apoiarían a iniciativa.

A votación produciuse no medio de múltiples protestas espontáneas, comunicaron medios franceses, que se sumaron ás folgas que se viñan desenvolvendo en múltiples sectores para tratar de frear a mudanza lexislativa, con intentos de bloquear os accesos a Rennes ou París e enfrontamentos coa Policía que derivaron en centos de detencións.

Amais, algúns aeroportos rexistraron até 30% de voos suspendidos pola greve, que tamén afecta o transporte ferroviario ou as refinarías, con reportes de falta de combustíbel en gasolineiras das rexións de Lyon ou Marsella.

Outra das folgas que se mantén e a do persoal do tratamento de lixo, que provocou que máis de 10.000 toneladas podrezan nas rúas da capital francesa a pesar da imposición de servizos mínimos e da contratación de empresas privadas para resolver a situación.

Xornada de mobilización

Entrementres, as forzas sindicais convocaron a novena xornada de mobilización xeral contra a reforma das pensións, que decorrerá en vilas e cidades do país esta quinta feira, ao tempo que as organizacións progresistas preparan un recurso perante o Consello Constitucional para atrasar a aplicación da reforma.

Comentarios