Ohio aproba armar a profesorado tras unha formación de 24 horas

Colectivos educativos, asociacións de pais e nais e tamén da Policía advirten que a medida fará das escolas espazos menos seguros.
Memorial dedicado ás vítimas do masacre do colexio Robb de Uvalde, Texas. (Foto: Robin Jerstad/ZUMA Press Wire/dp/DPA).
photo_camera Memorial dedicado ás vítimas do masacre do colexio Robb de Uvalde, Texas. (Foto: Robin Jerstad/ZUMA Press Wire/dp/DPA).

O Congreso do estado de Ohio (EUA) aprobou autorizar que o profesorado poidan levar armas de fogo tras unha formación que duraría como máximo 24 horas, sen que o texto lexislativo esqpecifique o período mínimo de formación.

A norma aprobada polo Congreso de Ohio, controlado polo Partido Republicano, é opcional, polo que será cada centro educativo o que decida se se acolle a ela, segundo recolle a filial en Cleveland da cadena ABC.

A lei foi aprobada definitivamente con 54 votos republicanos a favor e 31 votos demócratas e dous republicanos en contra. Até doce congresistas non votaron.

Formación

Polo menos catro das 24 horas de formación serán "baseadas en escenario" ou exercicios simulados de adestramento sen que se especifique que se poida utilizar armamento real nesta "formación táctica con armas de fogo". Ademais, os usuarios destas armas someteranse cada ano a unha comprobación de antecedentes.

Esta nova lei fará que as escolas sexan moito menos seguras

A lei inclúe tamén unha revisión anual da formación dun máximo de oito horas e a creación do Centro de Seguridade Escolar e de Crise de Ohio para desenvolver o temario da formación.

Até o de agora un mestre debía converterse en axente de paz con máis de 700 horas de formación para poder portar unha arma. Un policía recibe 60 horas de formación sobre armas de fogo, das cales 46 son en campo de tiro.

Menor seguridade

Grupos como Nais pola Rendición de Contas, Nais Esixen Medidas, a Asociación Educativa de Ohio ou a Fraternal Orde de Policía de Ohio advertiron de que esta nova lei fará que as escolas sexan moito menos seguras.

Para a Asociación de Armas de fogo Buckeye será o contrario. "Aprendemos co tempo que canto máis rapidamente se ataca un asasino activo, máis vidas se salvan", apuntou un portavoz do grupo, Rob Sexton.

Un total de 19 nenos e dúas educadoras morreron o 24 de maio en Uvalde, Texas, polos disparos dun mozo que con 18 anos acabados de facer adquiriu armamento. O caso reabriu o debate sobre a posesión de armas en Estados Unidos.

Comentarios