Matanza en Texas: un mozo asasina 19 crianzas e dous adultos nunha escola

O tirador, que foi abatido pola Policía, tamén disparou a súa avoa antes de entrar no centro de ensino primario e actualmente está en "estado crítico".
A escola na que se produciu o tiroteo, horas despois. (Foto: William Luther / San Antonio Express / DPA)
photo_camera A escola na que se produciu o tiroteo, horas despois. (Foto: William Luther / San Antonio Express / DPA)

Un home de 18 anos asasinou esta terza feira 19 crianzas e dous adultos nunha escola de ensino primario de Uvalde, en Texas (EUA) e posteriormente foi abatido pola Policía, segundo informa a canle de televisión estadounidense CNN.

O tirador, afirma o sarxento Erick Estrada, tamén disparou a súa avoa "antes de bater co vehículo perto da escola", saír cun rifle e dirixirse ao colexio. A muller foi trasladada ao hospital en avión e atópase en estado crítico. A Policía cre que este home, que portaba un chaleco antibalas, actuou só.

O presidente dos EUA, Joe Biden, dirixiuse á cidadanía na noite da terza feira [madrugada na Galiza] cunha mensaxe clara: "Tiña a esperanza, cando me convertese en presidente, de non ter que facer isto de novo".

Porén, só no que vai de 2022 producíronse até 39 tiroteos en escolas, institutos e universidades, deixando outras dez vítimas mortais e 51 persoas feridas. O desta terza feira foi o tiroteo máis mortífero desde o masacre nunha escola de Sandy Hook, en Connecticut, en 2012, cun balance de 26 mortos, incluídos unha vintena de nenos e nenas de entre 6 e 7 anos.

Debate sobre as armas

Biden pronunciou o seu discurso, afirmaron desde a Casa Branca, "coa mente en Sandy Hook", que sucedeu cando era o vicepresidente de Barack Obama. Aliás, o actual mandatario estadounidense referiuse ás "terríbeis consecuencias" de non ter aprobado o Congreso lei ningunha de seguridade de armas e instou os deputados a "converter a dor en acción".

De feito, segundo recolle a canle NBC News, o asasino, identificado como Salvador Ramos, residente en Uvalde, comprou dous rifles semiautomáticos nunha armaría desta localidade cando fixo 18 anos.

"Hai moitas cousas que aínda non sabemos, e outras que si. Pais que nunca volverán ver os seus fillos nin volverán ser os mesmos. Perder un fillo é como se che arrincasen un anaco da alma", engadiu o presidente Biden.

Comentarios