Os Estados Unidos sofren o cuarto tiroteo masivo en nove días

Joe Biden solicita prohibir as armas de asalto no país.

Escena do tiroteo en Wisconsin. (Foto:  Mark Hertzberg / ZUMA Press Wire / DPA)
photo_camera Escena do tiroteo en Wisconsin. (Foto: Mark Hertzberg / ZUMA Press Wire / DPA)

Continúa a epidemia de tiroteos nos Estados Unidos, esta quinta feira, producíronse dous novos ataques con vítimas mortais, un no Estado de Wisconsin e outro no de Iowa. O primeiro tivo lugar ao mediodía no cemiterio de Graceland da localidade de Racine, que se atopa a menos dunha hora da capital de Wisconsin, Milwaukee. Durante un enterro dunha persoa morta a mans da Policía, un home comezou a disparar contra as persoas que asistiran.

As testemuñas informaron de que se produciran entre 20 e 30 disparos. Pola súa banda, as autoridades da vila sinalaron que “hai vítimas pero descoñécese cantas”. Após facerse público o acontecido, o alcalde de Racine, Cory Mason, decretou un toque de recoller até o fin de semana para os menores de 18 anos, que no poderán estar na rúa de 11 da noite a 6 da mañá.

Poucas horas máis tarde, as 19 horas en Iowa (2 da mañá da sexta feira na Galiza), un home matou dúas mulleres antes de suicidarse no aparcamento da igrexa Cornerstone en Ames. Apenas 24 horas antes, un home acabou coa vida de cando menos catro persoas nun tiroteo no hospital Saint Francis de Tulsa, no Estado de Oklahoma, portando un rifle de longo alcance e unha pistola.

Esta serie de matanzas comezaron o pasado 24 de maio, cando un estudante abriu fogo na escola de primaria Robb, na texana cidade de Uvalde, asasinando 21 persoas, 19 delas crianzas. Neste caso amais está sendo moi cuestionada a actuación da Policía, que permaneceu unha hora á porta do centro escolar antes de acceder.

Biden reclama regulación

Malia a tradicional dificultade de aprobar normativas que regulen o uso das armas nos Estados Unidos, nos que a Asociación Nacional do Rifle actúa como un poderoso lobbie a favor do dereito a portar armas, o presidente Joe Biden solicitou á última hora da quinta feira ao Congreso que prohiba as armas de asalto no país e lexisle para estabelecer leis máis estritas de control.

“É suficiente, suficiente, suficiente, se o Congreso non actúa, sei que esta vez será distinto e os cidadáns tomarán nota e votarán para botar a eses políticos dos seus postos”, salientou, reclamando que se impida vender armas a persoas con antecedentes penais ou fixar nos 21 anos a idade mínima para compralas.

Nancy Pelosi, presidenta da Cámara de Representantes, aseverou que a próxima semana levará ao pleno unha proposta para prohibir as armas de asalto de tipo militar.

Comentarios