Perto de 3.000 detencións desde o inicio das protestas en Francia pedindo "xustiza para Nahel"

Nesta última noite de mobilizacións e disturbios nas rúas, a sexta desde que o mozo Nahel foi asasinado por un axente policial, foron detidas outras 157 persoas. Macron reúnese hoxe cos representantes do Senado e o Parlamento e os alcaldes convocan mobilizacións para condenar o ataque ao domicilio do rexedor de L'Haÿ Les Roses. Aliás, medio centenar de radicais de extrema dereita irromperon cos rostros tapados polas rúas de Lyon e foron dispersados con gases lacrimóxenos.
Policías antidisturbios en Francia diante dunha pintada pedindo 'Xustiza para Nahel' (Foto: Telmo Pinto / Zuma Press).
photo_camera Policías antidisturbios en Francia diante dunha pintada pedindo 'Xustiza para Nahel'. (Foto: Telmo Pinto / Zuma Press)

Sexta noite de protestas en Francia após o asasinato dun mozo de 17 anos, Nahel, a mans dun policía. O último balance do Ministerio do Interior apunta 157 novas detencións ao longo desta madrugada, 20 delas en París e os seus arrabaldes, así como unn total de 352 incendios na vía pública. Un bombeiro faleceu nos labores de extinción no barrio parisino de Saint-Denis.

A do domingo á segunda feira, foi, con todo, unha noite relativamente tranquila, pois na xornada anterior foran detidas máis de 700 persoas e na noite da sexta feira, máis de 1.000. O balance ascende desde que comezaron os disturbios hai case unha semana a arredor de 3.000 detencións e uns 45.000 axentes policiais despregados nas rúas polo Goberno, así como varios vehículos blindados.

O presidente, Emmanuel Macron, recibirá esta segunda feira os presidentes do Senado, Gérard Larcher, e a Asemblea Nacional, Yaël Braun-Pivet, mentres a primeira ministra, Elisabeth Borne, manterá un encontro cos portavoces dos diferentes grupos parlamentarios, "nunha lóxica de intercambios" a fin de analizar a tensa situación que se está a vivir en moitas cidades do país.

Protesta en París lembrando a morte de Nahel. (Foto: Telmo Pinto / Zuma Press)
Protesta en París lembrando a morte de Nahel. (Foto: Telmo Pinto / Zuma Press)

E na terza feira Macron reunirase no Elíseo cos rexedores dos máis de 220 municipios afectados polas protestas. Precisamente os alcaldes de Francia convocaron fronte a todos os consistorios senllas "mobilizacións cívicas" hoxe, a partir das 12 horas, após o violento ataque no domicilio do alcalde de L'Haÿ Les Roses —ao sur de París—, Vincent Jeanbrun, contra o que empotraron un vehículo en chamas.

A avoa do mozo falecido afirmou, en declaracións á canle BFM, que "confía" na Xustiza e lamentou que haxa quen utilice o "pretexto" da tráxica morte de Nahel para "vandalizar escolas e vehículos". "Quero o policía que matou o meu neto, é todo o que quero. Pido á xente que está a destrozalo todo que pare", dixo.

Aliás, medio centenar de radicais de extrema dereita, vestidos de negro e coas caras tapadas, irromperon nas rúas de La Guillotière, en Lyon, ao berro de "On est chez nous" —"Estamos en casa"— e causaron disturbios, polo que foron dispersados pola Policía con gases lacrimóxenos.

Comentarios