Macron forza a aprobación da reforma das pensións sen o voto da Asemblea Nacional

Prevese a presentación dunha moción de censura en resposta á decisión de Macron, que pola súa parte non descarta disolver o lexislativo e convocar novas eleccións.
Emmanuel Macron. (Foto: Kin Cheung / Pa Wire / Dpa)
photo_camera Emmanuel Macron. (Foto: Kin Cheung / Pa Wire / Dpa)

Despois de que o Senado francés dera esta quinta feira o seu visto e prace á reforma das pensións, só restaba que a Asemblea Nacional, onde a vitoria da mudanza non estaba tan clara, fixese o mesmo. Porén, pouco antes de programarse a votación e ante a falta de confianza en alcanzar a maioría, o presidente do país, Emmanuel Macron, resolveu activar o artigo 49.3 da Carta Magna, que permite aprobar normas sen o voto do lexislativo. É a 11ª vez que se usa ese artigo durante o mandato da primeira ministra Élisabeth Borne e a 100ª desde 1958.

O rexeitamento da maioría da poboación á reforma, expresado en mobilizacións apoiadas por millóns de persoas e en folgas que están a afectar os transportes, a produción de enerxía ou a recollida do lixo, provocará unha rápida moción de censura contra Borne, sosteñen os medios franceses.

Asemade, este intento de cesar o Goberno ten probabilidades de prosperar, explican, pola división entre os conservadores no lexislativo, que se suma á falta de lexitimidade do Gabinete, o que motivaría que até forzas que o sostiveron até o de agora lle retiren o apoio.

“Cando un presidente non ten maioría no país nin na Asemblea Nacional debe retirar o seu proxecto de lei”, asegurou Olivier Faure, líder do Partido Socialista, mentres que o líder comunista Fabien Roussel fixo fincapé en que “o parlamento foi ridiculizado, humillado”.

Perante esta situación, Macron trasladou ao Executivo que non descarta disolver a Asemblea Nacional e forzar a convocatoria de eleccións coa esperanza de que as e os votantes lle outorguen unha maioría a súa formación, renomeada como Renacemento, para acabar cos obstáculos aos seus proxectos no que resta de lexislatura.

En todo caso, as forzas progresistas salientan que a decisión impulsará unha intensificación das protestas. “É bo que nos enfrontemos a un texto que non foi aprobado en democracia parlamentar”, defendeu Jean-Luc Mélenchon, que encabeza Francia Insubmisa, quen considerou un “fracaso espectacular” de Macron ter que aprobar a norma sen o voto do lexislativo. A bancada esquerdista púxose en pé e entoou a Marsellesa en sinal de protesta.

O anuncio provocou que milleiros de persoas se mobilizaran en París, ao tempo que os sindicatos se reunían para estudar os próximos pasos. Así e todo, o secretario xeral da Confederación Xeral do Traballo de Francia, Philippe Martinez, subliñou que a “mobilización continuará”. Pola súa parte, Laurent Beger, da Confederación Democrática do Traballo, salientou que “está en xogo a confianza da cidadanía nas institucións da República”.

Comentarios