Cadea perpetua para dez represores na Arxentina

Os militares participaron nos "voos da morte".
Familiares dos asasinados na sala, antes da lectura do veredicto. (Foto: Goberno da Arxentina)
photo_camera Familiares dos asasinados na sala, antes da lectura do veredicto. (Foto: Goberno da Arxentina)

Dezanove ex membros do Exército, a Armada, a Xendarmería e a Policía foron condenados á última hora da cuarta feira polo Tribunal Oral Federal 1 de San Martín (Arxentina) tras sentenciar que cometeron crimes de lesa humanidade contra 350 persoas na ditadura, declarándoos culpábeis de privación ilegal da liberdade, imposición de tormentos, intrusión ilegal en domicilio, roubo, abuso, violación e homicidio.

O veredicto forma parte da coñecida como megacausa Campo de Maio, e foi lido nunha audiencia presencial ateigada de público, incluído o responsábel gobernamental de Dereitos Humanos, Horacio Pietragalla. O xúbilo chegou cando o tribunal leu a sentenza: 10 condenados a cadea perpetua (todos oficiais de alto rango militar), e penas de entre 4 e 22 anos para o resto dos acusados.

Un plan sistemático

O Goberno arxentino, que foi un dos querelantes no proceso, salientou que "é unha decisión contundente que ratifica o lugar fundamental que tivo o Exército no plan sistemático de violacións de dereitos humanos durante a última ditadura cívico-militar", de 1976 a 1983.

Durante tres anos xulgouse o acontecido na localidade de Campo de Maio, onde estaba a sede do Comando de Institutos Militares, que dirixía a rexión militar no norte de Bos Aires. Contaba con tres centros clandestinos de detención e unha maternidade clandestina. Entre as vítimas contabilizáronse 14 mulleres embarazadas, cuxos fillos foron roubados.

"Voos da morte"

Desde o seu aeródromo militar efectuábanse "voos da morte", como se chama no país ao asasinato de persoas secuestradas por oporse á ditadura, lanzadas ao mar desde avións para acabar coa súa vida e borrar as probas dos crimes. Poucas das 350 vítimas sobreviviron, o que dificultou reconstruír o sucedido.

Esta sentenza chega poucos días despois de que a Xustiza arxentina recoñecera por primeira vez que o Exército, a póla terrestre das súas Forzas Armadas, estaba implicado nos "voos da morte", ao condenar catro ex oficiais do Campo de Maio polo seu papel na represión.

Até o de agora, os tribunais só recoñeceran, en 2017, a participación da Armada do país nestes crimes.

Comentarios