IU sométese en Andalucía ao límite do déficit acordado entre PP e PSOE na Conferencia de Presidentes

A insistencia de IU de non aceptar ningún pacto fiscal que prexudicase a Andalucía quedou en papel mollado, evitando poñer en risco o pacto de goberno co PSOE na Junta de Andalucía.
 

José Antonio Griñán, presidente de Andalucía, voltou da conferencia de mandatarios autonómicos coa doutrina de contención do déficit --impulsada polo PP-- asumida. Tal pacto rebaixaría para os vindeiros exercicios o nivel de endebedamento dos territorios do Estado, de tal xeito que este 2012 deberán fechalo cun endebedamento non superior ao 1,5%, e rebaixalo até o 0,7% en 2013.

O acordo subscrito polo PSOE --asinado a cambio de incluír políticas de crecemento, deixar de incidir no recorte de gastos e procurar alternativas de ingresos-- non gustou no socio de goberno, Izquierda Unida, mais non semellan dispostos a facer diso algo que poña en perigo a coalición cos socialistas pola que fan parte do Goberno de Andalucía.

O vicepresidente andaluz e coordinador de IU neste territorio, Diego Valderas, incidiu en que a saude do pacto de goberno verase na elaboración dos orzamentos para 2013, que entende que teñen que ser acaídos á situación de "emerxencia social". Neste sentido, é consciente de que unhas contas sometidas ao corsé o 0,7% de endebedamento impiden marxe de manobra.

Desde IU acometerán unha "ofensiva institucional" onde teñan presencia a fin de que o límite de endebedamento sexa revisado xa en 2013, e non en 2014 como inicialmente fixou o Goberno español. Porén, a insistencia de Valderas de non apandar con ningún pacto fiscal que prexudicase a Andalucía, lembrando que a súa organización "seguirá a loitar por un teito de gasto decente" quedaron en papel mollado.

Dixo IU que antes de máis axustes o que cumpría era redimensionar a administración andaluza, sen practicar despedimentos.  Mais o pacto subcrito polo PSOE e que IU aplicará contempla xustamente un axuste do endebedamento que non convence no PCE. Desde esta formación política sinalaron xa que a imposición de Madrid "anula as posibilidades de endebedamento até límites insoportábeis". Tamén desde o sindicato SAT existe descontento co bipartito por mor dos recortes sociais do goberno andaluz.

Comentarios