Israel cede e reactívanse en Exipto as conversas para lograr un alto o fogo en Gaza

Israel asedia dous hospitais no enclave palestino antes da decisión da CIX.
Palestinas asasinadas en Gaza. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Palestinas asasinadas en Gaza. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / ContactoPhoto)

Fontes da seguridade exipcia confirmaron a quinta feira á axencia EFE que “nas próximas horas” se reactivarían as conversas indirectas no Cairo entre o Executivo de ultradereita israelí e o grupo palestino Hamás, que goberna Gaza, logo de que Exipto recibira “unha comunicación na que a parte israelí pide retomar as negociacións sobre unha tregua en Gaza e o intercambio de reféns”.

Poucas horas antes, o Estado sionista de Israel fixo pública a súa decisión de volver sentar á mesa no contexto dunha forte presión, interna tras a publicación dun vídeo no que aparece a detención de mulleres soldados israelís na operación da resistencia palestina do 7 de outubro para forzar o Goberno de Benjamin Netanyahu a seguir negociando, e externa após o anuncio da Fiscalía da Corte Penal Internacional (CPI), que pediu ordes de arresto contra o primeiro ministro e o seu titular de Defensa, Yoav Gallant, e o recoñecemento palestino por parte do Estado español, Irlanda e Noruega.

As fontes exipcias debullaron que as conversas comezarían no punto no que ficaron paralizadas o 9 de maio, o que implica “sentar na mesa para abordar a última proposta de tregua que foi aprobada por Israel, e logo por Hamás, antes de que a parte israelí se retractara de súpeto e retirara a súa aprobación”.

Apenas horas despois de que a forza palestina aceptara a proposta, Israel iniciou o seu ataque contra Rafah, no sur de Gaza, forzando a fuxir máis de 800.000 persoas, moitas das que chegaran escapando dos bombardeos indiscriminados e do intento de invasión israelí.

Israel obstaculizou estas negociacións en múltiples ocasións, o que denunciou incluso o propio equipo negociador sionista, namentres o seu principal aliado e provedor armamentístico, os Estados Unidos, continúan a brindarlle cobertura diplomática.

Asemade, a Corte Internacional de Xustiza (CIX) comunicou que hoxe fará pública a súa decisión ao respecto das medidas provisorias reclamadas por Suráfrica contra Israel, como a declaración dun alto o fogo.

Así e todo, o Exército israelí prosegue cos bombardeos contra a Faixa, e está a asediar os hospitais Al Awda e Kamal Adwan.

O médico de urxencias Mads Gilbert, con máis de 20 anos de experiencia en Gaza, cualificou os ataques a centros médicos, educativos ou panadarías como unha “campaña para erradicar a sociedade palestina e calquera signo de estruturas palestinas na vida civil”, reiterando que, en contra das xustificacións israelís, non se usan estruturas civís “como unha especie de acochos para a resistencia armada”.

Comentarios