Análise

Invasión de Ucraína: o que sabemos e o que non

Analizar é unha obriga intelectual necesaria ante un conflito que nos alarma e interpela de forma contundente. A análise das causas profundas non é escusa para a condena da agresión rusa, inxustificada, contraria a todos os principios do dereito internacional e que xa está pagando, unha vez máis, o pobo ucraíno.
A xeopolítica marca a guerra en Ucraína (Ilustración: Andrade).
photo_camera A xeopolítica marca a guerra en Ucraína (Ilustración: Andrade).

Encetada a terceira semana da invasión rusa en Ucraína, as cifras de mortes e persoas que buscan asilo fóra do seu país continúan aumentando. Segundo os últimos datos ofrecidos polas Nacións Unidas, desde o 24 de febreiro ata o 14 de marzo, sumáronse 636 vítimas civís, das que 46 serían nenas e nenos. Números que segundo este organismo recoñece na realidade serán moito máis altos. No que respecta ás persoas refuxiadas, estímase que neste momento máis de 2,8 millóns de persoas terían saído de Ucraína, concentrándose, algo máis da metade, na veciña Polonia.

Descartada xa, pola evidencia dos feitos, a invasión relampo que algúns anunciaban, o que segue é un intento, modesto, de ordenar algunhas das poucas certezas e das moitas dúbidas que temos neste momento.

A primeira, sobraría dicilo, é que analizar non é xustificar. Analizar é unha obriga intelectual necesaria ante un conflito que nos alarma e interpela de forma contundente. A análise das causas profundas non é escusa para a condena da agresión rusa, inxustificada, contraria a todos os principios do dereito internacional e que xa está pagando, unha vez máis, o pobo ucraíno.

Segunda, o conflito non comezou a noite da invasión rusa. Nin sequera co inicio da guerra no Donbás en 2014, que, segundo a ONU custou máis de 14.000 vidas. As orixes máis próximas hai que buscalas no derrubamento da URSS e na expansión da OTAN cara ás fronteiras rusas, unha ameaza certa para os ex soviéticos, denunciada por Putin en múltiples ocasións e denunciada tamén por analistas internacionais de toda condición. Mesmo axentes da intelixencia norteamericana advertiran, hai máis dunha década, de que a ampliación da OTAN cara ao leste tería consecuencias para a paz mundial.

Terceira, o conflito tampouco rematará co fin da invasión, sexa cal sexa o resultado. Como nos ten demostrado a Historia en múltiples ocasións, acabar unha guerra é o máis difícil, prenderlle lume é o máis doado. As comparación históricas, moitas veces necesarias e esclarecedoras, acaban sendo, tamén, odiosas. Nin estamos en 1914, nin en 1936, nin en 1939, nin moito menos cabe comparar unha situación prenuclear coa actual. A escalada bélica acaba sendo iso, escalada.

Cando rematará?

Así, unha das preguntas máis urxentes é cando vai terminar esta agresión. Xa hai quen anticipa un escenario de insurrección que farían de Ucraína, tras a presumible vitoria rusa, unha sorte de novo Afganistán. Un novo "estado falido" no que as autoridades gobernamentais, nese caso, rusas, serían incapaces de impor a súa orde. Ao tempo, visións menos catastróficas, que, en gran medida, compartimos, apuntan a un territorio dividido baixo o poder de dous Estados.

A morte, o odio e as armas sementadas non desaparecerán en ningunha mesa de diálogo. Nese senso, calquera debate acerca da pertinencia, ou non, do envío de armas ofensivas, faría ben en poñer a vista, non unicamente no lexítimo dereito de defensa, senón tamén na xestión e convivencia do día despois.

Cuarta, por moito que algúns traten de intuílos e reducilos ao extremo de ser as ocorrencias dun demente, o certo é que non sabemos cales son os plans de Putin. Sabemos, si, cales son as peticións que está trasladando para pór fin á invasión e que pasarían pola suspensións das accións militares, a renuncia a entrar na OTAN e na UE, así como o recoñecemento á independencia de Donetsk e Lugansk e á autoridade rusa sobre Crimea.

Quinta, a invasión de Ucraína supón un punto de inflexión na (des)orde mundial. En xogo, nas mesas dos dirixentes das potencias mundiais, está moito máis que as vidas de milleiros de persoas, o taboleiro xeopolítico mundial. Do que se trata, unha vez máis, é do poder (económico). Se como dicíamos, o conflito vén de lonxe, non é casual que fora xustamente agora cando o Goberno ruso decidira mover as súas tropas. As casualidades e as improvisacións en política internacional poucas veces existen. Sobre todo, porque custan moitos cartos.

É factible pensar que Putin manexa unha diagnose acerca da debilidade do proxecto europeo que o alentaría a tratar de gañar posicións no devandito taboleiro xeopolítico. O que posiblemente se verá na mesa negociadora con Putin será a imaxe dun mundo xa multipolar, de alianzas variables, onde o poder unipolar estadounidense pase a mellor vida e onde a posición europea, de existir como tal, que nestes intres parece improbable, será residual. Cabe considerar que na votación realizada na ONU sobre a invasión, India e China abstivéronse, é dicir, os gobernos que representan o 50% da humanidade optaron pola abstención. A nova (des)orde, semella que esta vez, comeza por Asia.

Sexta. Hai unha intención perversa en tratar de ler o conflito en termos do eixo esquerda-dereita. Putin non é representante nin referente algún da esquerda. Putin, por moito que trate de apropiarse do discurso antifascista, ao tempo que os persegue en Rusia, é un dos referentes da extrema dereita europea, con fortes vínculos documentados con Orbán, Le Pen, Alternativa por Alemaña, Salvini e por suposto Vox e os seus amigos de Hazte Oír

A guerra como negocio

Sétimo, a guerra é un negocio multimillonario no que sempre gañan os mesmos. A UE aplicou fortes sancións á economía rusa, destinadas, en teoría, a castigar o poder económico ruso que sustenta a Putin. Agora ben, tanto o gas como artigos de luxo como os diamantes quedaron, ata o momento, fóra das sancións.

Sirvan a modo de exemplo dous datos. Rusia é o segundo país máis importante para Bélxica no mercado dos diamantes, un sector moi relevante para a súa economía. En 2021 importaron de Rusia diamantes por valor de 1.800 millóns de euros. No que respecta ao gas, segundo as cifras da Federación Europea de Transporte e Medio Ambiente a dependencia do gas ruso cústalle á UE uns 118.000 millóns de dólares diarios. 
Mentres tanto as empresas de armamento soben en bolsa dende o inicio da invasión. Así, a alemá Rheinmetall fíxoo en algo máis dun 50% e a francesa Thales máis dun 27%.

Cabería preguntarse que consecuencias van ter as sancións sobre a poboación rusa e que lectura estarán facendo das mesmas. É dicir, serán útiles para promover un cambio de actitude nas elites rusas ou causarán sufrimento na súa poboación, ao par que alimentarán o odio e 
o desentendemento?

Comentarios