domingo 25/10/20

Ou o PP acepta negociar a renovación do Poder Xudicial ou reformarase a lei para desbloquealo, di Sánchez

O presidente do Goberno español convida Pablo Casado a sentar e negociar a renovación do Poder Xudicial, que o PP leva bloqueando dous anos, se quere parar a reforma do Poder Xudicial presentada polo PSOE e Unidas Podemos. 
O conservador Carlos Lesmes, presidindo o pleno do CXPX (Foto:  Beatriz Ciscar / Europa Press)
O conservador Carlos Lesmes, presidindo o pleno do CXPX (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, defendeu esta sexata feira, 16 de outubro, desde Bruxelas a reforma rexistrada polo PSOE e Unidas Podemos para reformar o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) ante o bloqueo do PP para renovar a súa composición pois, a pesar de levar o mandato do CXPX dous anos xa esgotado, os populares néganse a actualizalo para non perderen a maioría absoluta coa que nel contan e que provén da etapa de Mariano Raxoi, cando ese partido contaba co dobre de representación da que agora.

O líder do PP, Pablo Casado, xuntouse a pasada tera, 14 de outubro, coa presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e afirmou que o Goberno español "ataca" coa súa reforma "a separación de poderes".

Agora Sánchez respóndelle que se non quere a reforma que "negocie canto antes" co ministro de xustiza a nova composición do Consello Xeral do Poder Xudicial.

A reforma

A proposta do PSOE e UP mantén o mesmo mecanismo que xa había para a designación de oito dos membros do CXPX, que teñen que ser xuristas de recoñecido prestixio con máis de 15 anos de carreira profesional. Alterar isto implicaría reformar a Constitución, polo que o Congreso e o Senado seguirán elixindo 4 integrantes, cada un por maioría cualificada (tres quintos de cada unha das Cámaras).

O cambio vén na elección de 12 membros procedentes da carreira xudicial. A Constitución marca que a súa designación se regula por lei orgánica, e de aí esta proposta. Actualmente Congreso e Senado elixen por tres quintos seis membros en cada Cámara. A reforma mantén iso mesmo, mais engade que, de fracasar a primeira votación, efectuarase outra 48 horas despois na que os membros poderán ser designados por maioría absoluta. 

O texto dos partidos do Goberno tamén formula a limitación das funcións do CXPX cando o seu mandato estea caducado, para que non poida designar prazas en audiencias provinciais e en tribunais superiores, tal e como fixo hai unha semana este organismo que dirixe o conservador Carlos Lesmes. Así, as súas funcións quedarían limitadas a temas de trámite ordinario. Unidas Podemos foi moi crítica cos nomeamentos efectuados polo actual Goberno dos xuíces, sobre todo os últimos acometidos no  Supremo, e reclamara xa cambios para restrinxir as súas prerrogativas cando se excedese o tempo de mandato. 

Aliás, a reforma tamén inclúe que se poidan incorporar os vogais que foran consensuados por unha das dúas Cámaras, de atrasárense os nomeamentos na outra de non haber consenso.

comentarios