venres 07/05/21

O Poder Xudicial quéixase de Sánchez perante a Unión Europea

78 nomeamentos en ano e medio, ese é o rexistro do Consello Xeral do Poder Xudicial en funcións, que desiste de levar o conflito co Goberno do Estado ao Constitucional despois de ver limitada a súa capacidade de seguir facendo nomeamentos que marcarán o Poder Xudicial nos vindeiros anos.
Imaxe de arquivo dunha xuntanza do CXPX. (Foto: CXPX)
Imaxe de arquivo dunha xuntanza do CXPX. (Foto: CXPX)

Até ben entrada a noite da cuarta feira, o Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) non rematou unha xuntanza que se estendeu ao longo do día, na que avaliaron a resposta ás medidas do Goberno do Estado para limitar as súas capacidades mentres se atopa en funcións.

Finalmente, as oito vogais -todas elixidas no seu día a proposta do Partido Popular- que buscaban levar o conflito ao Tribunal Constitucional non conseguiron o apoio do resto de maxistradas. Porén, si foron quen de aprobar un texto crítico co Goberno do Estado para enviarlle á Comisión Europea como parte do informe sobre o Estado de Dereito 2021.

No informe, ao que tivo acceso Europa Press, o CXPX sinala que a reforma lle restaba atribucións e critica a vía lexislativa pola que se aprobou a reforma, o que os levou a encargar un informe técnico.

No tempo que o CXPX actual, acordado cando o PP ocupaba o Goberno do Estado, leva en funcións, desde decembro de 2018, realizou até 78 nomeamentos en postos chave que até dentro de varios anos non será posíbel modificar.

Cando se aplicou a reforma da lei do Poder Xudicial do 29 de marzo, cualificada por parte do CXPX como unha invasión das súas competencias, o órgano de goberno da xudicatura pretendía encher os sete postos vacantes do Tribunal Supremo, unha instancia responsábel de sentenzas como a que mantén os e as presas políticas catalás na prisión.

Nas propostas que foron rexeitadas, que obrigaron o presidente do CXPX a convocar o pleno extraordinario, defendíanse dúas vías. A primeira consistía nun conflito de atribucións, unha medida que se aplica cando un dos poderes do Estado, neste caso o Xudicial, considera que outro órgano, como o lexislativo, lle usurpa as súas funcións. A segunda opción sobre a mesa era acudir ao Defensor do Pobo para que presentase un recurso de inconstitucionalidade, dado que o CXPX non pode entregar esta clase de iniciativas.

Desde esta quinta feira, integrantes de dúas asociacións xudiciais levan a cabo unha campaña en redes para pedir a PSOE e PP que cheguen a un acordo canto antes coa finalidade de renovar e despolitizar o Goberno do Poder Xudicial.

comentarios