A PARTICIPACIóN APENAS SUPEROU O 32%

Holanda rexeita en referendo o acordo UE-Ucraína

Un referendo convocado por unha iniciativa popular -ao terense reunido por volta de 400 mil asinaturas- expresou o NON do pobo holandés ao acordo entre Bruxelas e Kiev.

Referendo Holanda-Ucraína. 6 de Abril de 2016

O referendo non é vinculante, mais politicamente ten un valor indubitábel. Representa unha derrota da coligazón gobernante, formada polos liberais e os socialdemócratas, que defendían o acordo con Ucraína. Os ultras do Partido da Liberdade e a esquerda dos socialistas radicais e o Partido dos Animais pediu o voto contrario.

A participación foi moi baixa, o 32,2%, mais en todo caso suficiente para acadar validez, ao superarse o limiar do 30%. O 61,1% dos votos foron contrarios ao acordo con Ucraína, mentres que os sufraxios favorábeis ficaron non 38,1%

Kiev -no ollo do furacán polo envolvimento do presidente pro-UE Poroshenko no escándalo dos Panama Papers- restou importancia ao NON holandés e mostrou a súa convicción de que nada freará o acordo con Bruxelas. En troca, a satisfacción en Moscova era evidente.

O resto dos 28 membros da UE ratificaron o acordo pola vía exclusivamente parlamentaria. En Holanda a cuestión submeteuse a referendo porque existe unha lei que permite a convocatoria de consultas se estas teñen o suficiente respaldo popular. Desta volta foron 446.000 as asinaturas que demandaron a convocatoria das urnas (300.000 é o mínimo legal).

Kiev -no ollo do furacán polo envolvimento do presidente pro-UE Poroshenko no escándalo dos Panama Papers- restou importancia ao NON holandés e mostrou a súa convicción de que nada freará o acordo con Bruxelas

O primeiro ministro holandés, Mark Rutte, afirmou que unha vez que a participación no referendo ultrapasou o 30% do censo eleitoral “a ratificación [do acordo con Kiev] non pode ir adiante sen discusión”.

Cumpre lembrar que a asinatura do acordo con Bruxelas provocou un conflito en Ucraína entre os sectores pro-UE e aqueles partidarios da entente con Moscova. Un conflito bélico saldado coa partición do país e a incorporación de Crimea á Federación rusa. En Kiev goberna a direita, con participación de elementos pro-nazis, un factor que encheu de argumentos á oposición de esquerda holandesa á hora de propor o voto negativo no referendo.

Comentarios