Colombia vira á esquerda nas lexislativas

Aumentan as posibilidades dun cambio nas presidenciais de maio.
Moza coa bandeira de Colombia nas mobilizacións contra o Goberno de Iván Duque (Foto: Daniel Romero / LongVisual Via ZUM / DPA)
photo_camera Moza coa bandeira de Colombia nas mobilizacións contra o Goberno de Iván Duque (Foto: Daniel Romero / LongVisual Via ZUM / DPA)

O Congreso colombiano deu un claro xiro cara á esquerda nas eleccións do domingo, nas que a coalición Pacto Histórico (PH) que lidera Gustavo Petro logrou un bo resultado que consolida as súas opcións con vistas ás eleccións presidenciais de maio.

O PH logrou máis de 2,5 millóns de votos e foi a formación máis votada tanto na Cámara de Representantes como no Senado, aínda que a lexislación electoral propiciou que o partido con máis escanos na Cámara Baixa sexa o Partido Liberal Colombiano (2,3 millóns de votos).

"De gañar a presidencia, abriuse por completo a posibilidade de configurar unha coalición de maiorías progresistas no Congreso. As reformas son posíbeis agora. E a estabilidade do Goberno progresista é altamente posíbel", afirmou Petro nunha mensaxe en Twitter.

A esquerda encadrada no Pacto Histórico terá 25 asentos na Cámara de Representantes, polos 32 do Partido Liberal. Igualmente terá 25 escanos o Partido Conservador Colombiano (2,05 millóns de votos), mentres que pesos pesados da política colombiana como o Partido Centro Democrático e o Partido da U fican con 16 e 15 escanos.

Tamén obtivo un resultado similar o Partido Cambio Radical (16 asentos). Por detrás, o Partido Alianza Verde (11 escanos), e toda unha serie de candidaturas que lograron un ou dous escanos, aliadas dalgún dos grandes bloques, até sumar os 165 asentos da Cámara, aos que se suman os 16 das Circunscricións Transitorias Especiais de Paz.

No Senado o Pacto Histórico é tamén a forza máis numerosa, aínda que a dereita suma unha maioría absoluta moi axustada. Con todo trátase dun resultado histórico posto que é a primeira vez que a esquerda logra unha representación tan numerosa. Salienta o maior apoio ao Pacto Histórico en cidades como a capital do país, Bogotá, mentres que nas zonas onde houbo un maior impacto do conflito armado foi maior o voto a favor de partidos da dereita.

Primarias

O domingo elixiuse ademais en primarias aos candidatos das principais coalicións de cara á primeira volta das eleccións presidenciais, previstas para o 29 de maio, nas que destacou a alta participación a favor de Gustavo Petro, xa candidato oficial do Pacto Histórico a suceder o dereitista Iván Duque como presidente de Colombia.

Comentarios