Colombia vota coa posibilidade real de, por primeira vez, ter un presidente de esquerdas

Gustavo Petro lidera enquisas e sondaxes duns comicios que poden ser históricos e con importantes repercusións, internas e externas.

Edificio de votación das eleccións presidenciais de Colombia. (Foto: Camilo Erasso)
photo_camera Punto electoral en Colombia (Foto: Camilo Erasso)

Perto de 40 millóns de colombianos e colombianas poden votar hoxe nunhas eleccións históricas, as primeiras nas que a esquerda ten ao alcance da man gañar, o que pode ser un cortocircuito a esa liña de tres décadas ininterrompidas de neoliberalismo nun Estado que é peza clave na xeopolítica do continente.

Gustavo Petro opta a ser o primeiro presidente de esquerdas da historia de Colombia. Enquisas e sondaxes dano como vencedor desta primeira volta electoral mais non coa maioría suficiente – máis de 50%- que impida ir a unha segunda volta, que decorrería o 19 de xuño e onde se enfrontarían as dúas candidaturas máis votadas.

O país está ante a posibilidade de realizar un cambio político que significaría o intento de rachar co actual  statu quo, o que desde logo non convence a elite política, económica e mediática colombiana.

Os números coinciden: Petro, á fronte do Pacto Histórico, lidera as intencións de votos. Ningún outro candidato logrou desprazalo, unha tendencia que leva meses e indica que será primeiro no resultado do domingo. ex senador e alcalde de  Bogotá chegou a segunda volta en 2018 contra Iván Duque, instalándose desde entón como a principal figura do progresismo colombiano, agora en fórmula presidencial con Francia Márquez, unha muller  negra e feminista.

A pregunta é quen será segunda nesta contenda e, de se dar o caso, pasar a segunda volta para se enfrontar ao candidato da esquerda. Federico “ Fico” Gutiérrez foi quen durante semanas ocupou ese posto, pero desde fin de abril a súa seguridade comezou a poñerse en dúbida. O ex alcalde de  Medellín, apoiado polo  uribismo que desistiu de participar co seu partido o Centro Democrático, semella que perdeu ‘fol’ electoral nesta recta final.

O "Trump  criollo"

Quen irrompeu nas enquisas con forza e mesmo ameazando con ser segundo nas eleccións de hoxe é Rodolfo Hernández, ex alcalde de  Bucaramanga. O ascenso do coñecido como “ Trump  criollo”, quen non foi aos debates presidenciais da última semana, é outra das variábeis a seguir hoxe.

En escasos 20 días, Rodolfo Hernández e Marelen Castillo, candidatura da Liga de Gobernantes Anticorrupción, pasaron de ser residuais nas enquisas a empatar e mesmo superar a candidatura uribista. Desaparecidos da loita presidencial os partidos liberal e conservador (non así do poder Lexislativo), pode que o domingo tamén desapareza o uribismo, xa moi debilitado nas eleccións lexislativas de marzo.

Estrategas e ideólogos ancorados desde sempre nas esferas do poder, consideraron a última hora que Fico, candidato que representa "máis do mesmo", non era útil para vencer á candidatura do cambio económico, social e político. Aposta arriscada de urxencia que se vaticina de resultado incerto.

Comentarios