Cara a cara dos presidentes da China e dos EUA para falar da guerra en Europa

Xi e Biden manterán hoxe un encontro virtual onde tamén tratarán a súa competencia directa.
EuropaPress_4276975_26_february_2022_india_kolkata_people_take_part_in_demonstration_against
photo_camera Manifestación en Calcuta organizada polo partido comunista indio SUCI(C) en contra de Putin, Biden e da guerra en Ucraína (Foto: Debarchan Chatterjee / ZUMA Press)

Os presidentes dos Estados Unidos e da China, Joe Biden e Xi Jinping, manterán hoxe un encontro virtual que terá como tema principal a guerra en Ucraína, mais tamén o enfrontamento entre as dúas potencias americana e asiática. 

"Os dous líderes discutirán como manexar a competencia entre os nosos dous países así como a guerra de Rusia en Ucraína e outros temas de interese común", informou a portavoz da Casa Branca, Jen Psaki, que engadiu que o diálogo entre Biden e Xi é "parte dos nosos esforzos continuos por manter abertas as liñas de comunicación" entre os Gobernos estadounidense e chinés.

Beijing mantén unha posición ambigua con respecto a invasión rusa de Ucraína, non condenándoa mais absténdose de votar con Rusia na Asemblea Xeral de Nacións Unidas. Xi cualificou a crise de "preocupante" e avogou polo diálogo entre as partes. 

Nas últimas horas o Goberno chinés volveu defender a súa postura e cargou contra os EUA, que esta semana denunciou entre os seus aliados a disposición de Beijing a prestar axuda militar a Moscova, algo negado tanto por chineses como por rusos.

Así, Beijing acusou a Washington de manter unha política de bloques propia da Guerra Fría, sinalando o país norteamericano e a OTAN como culpábeis de desatar a crise ucraína co seu interese expansivo cara ao leste de Europa. E Washington acusou a Beijing de incumprir a Carta da ONU ao evitar calquera mínima crítica a Moscova. 

Sancións

Retrucou o portavoz do Ministerio de Exteriores chinés, Zhao Lijian, explicando que non hai violación ningunha, que a China sempre defende a soberanía e a integridade territorial de todos os países. 

Para Zhao, as críticas estadounidenses son anacrónicas, na medida en que Beijing estaría actuando de forma independente. Neste sentido, insistiu en que Beijing avoga por unha resolución pacífica do conflito.

O portavoz diplomático emprazou os Estados Unidos e a OTAN a tomaren medidas tamén en favor da pacificación, xa que en opinión da China ambos os actores teñen unha responsabilidade chave na orixe desta escalada de tensións.

Ademais, o Ministerio de Comercio chinés tamén subliñou nas últimas horas que continuará a manter relacións comerciais normais tanto con Rusia como con Ucraína, en aras do beneficio e do interese mutuo.

Responde ás declaracións realizadas esta semana polo ministro de Finanzas ruso, Anton Siluanov, que sinalou que o seu país conta coa China para axudar a amortecer o golpe económico provocado polas duras sancións económicas aprobadas por Occidente.

Neste sentido, as autoridades dos Estados Unidos e doutros países levan semanas recalcando que axudar a Rusia podería supor consecuencias para os fluxos comerciais e das novas tecnoloxías, e que a China se arrisca a ser obxecto tamén de sancións indirectas.

Mariupol

Mentres, a ofensiva rusa sobre Ucraína continúa, con especial intensidade na estratéxica Mariupol. O Comité Internacional da Cruz Vermella (CICV) nesta cidade abandonouna na cuarta feira na compaña de varias miles de persoas que as tropas rusas permitiron saír. Non obstante, outro equipo da organización estase a preparar para entrar na súa substitución axiña reciban as garantías necesarias.

O presidente do CICR, Peter Maurer, confirmouno nunha conferencia de prensa virtual desde Kiev, onde se atopa nunha visita de cinco días para facer unha avaliación da situación humanitaria e pedir ás partes do conflito que permitan que a organización cumpra a súa misión de axuda á poboación civil.

Acerca do recente ataque sobre o teatro de Mariupol, onde se agochaban no seu refuxio antiaéreo arredor de mil persoas, Maurer dixo que a súa organización non conta cunha avaliación independente do ocorrido e que non pode facer especulacións.

"Por suposto que vimos imaxes perturbadoras nas últimas dúas semanas e é por esta razón que recollemos información, que falamos coa xente en todo o país, para termos unha mellor idea do que pasa nesta guerra en núcleos urbanos, onde os civís están a ser atacados tan violentamente", sinalou.

Maurer manifestou que o CICR continuará a falar coas partes do conflito e que exporá a Rusia as súas preocupacións sobre as informacións que emerxen sobre os ataques a civís. 

Comentarios