A guerra en Ucraína, en directo, este 16 de marzo

Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto.

Un bombeiro traballando na extinción dun lume en Kharkiv (Diego Herrera/Xinhua News); edificio residencial atacado en Kíiv (Ukrinform), e persoas refuxiadas partindo de Lviv (Mykola Tys/SOPA Images).
photo_camera Un bombeiro traballando na extinción dun lume en Kharkiv (Diego Herrera/Xinhua News); edificio residencial atacado en Kíiv (Ukrinform), e persoas refuxiadas partindo de Lviv (Mykola Tys/SOPA Images).

🔴 [EN DIRECTO]

 Actualizar

21.01 | Rusia e Ucraína traballan nun documento de 15 puntos para pór fin á guerra​

As negociacións entre Rusia e Ucraína parecen avanzar tras case tres semanas da ofensiva militar rusa sobre o país veciño. Ambos os países comezaron nesta cuarta feira a traballar nun acordo de 15 puntos que inclúe un cesamento do fogo e a retirada de das tropas rusas se o Goberno ucraíno declara a neutralidade e acepta límites nas súas forzas armadas, segundo adiantou o diario Financial Times.

Este último punto, un dos máis demandados polo Goberno de Vladimir Putin, foi a ficha decisiva para progresar nas conversas de paz durante o sexto encontro entre as partes que se desenvolveu onte. De feito, horas antes, o ministro de Exteriores ruso, Sergei Lavrov, xa mostrara o seu optimismo sobre este asunto. "Hai unha serie de formulacións dos acordos con Ucraína sobre o estatuto de neutralidade e as garantías de seguridade que están a piques de lograrse", avanzou Lavrov, mentres que o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, afirmaba que as conversas se estaban a tornar "máis realistas".

20.36 | Ucraína acusa o exército ruso de bombardear o teatro de Mariupol, onde se refuxiaban máis de mil civís

O tenente de alcalde de Mariupol, Serhiy Orlov, denunciou en declaracións á BBC o bombardeo do teatro da cidade por parte do exército ruso. O edificio estaba a ser empregado por civís que non puideran marchar de Mariupol como refuxio contra os bombardeos. Segundo estimou Orlov, no momento do ataque podían estar no interior do edificio entre 1.000 e 1.200 civís, e descoñécese por agora o número de vítimas mortais. Persoas usuarias de Twitter advertiran hai tres días de posíbeis ataques de falsa bandeira do batallón fascista Azov. "Informacións procedentes de persoas que viven en Mariupol (lembren, de maioría rusófona) advirten de que o grupo neo-nazi Azov estarían xuntando nenos e mulleres dentro do teatro de Mariupol para facelo estoupar, atribuíndo as vítimas a Rusia", sinalábase o pasado día 13.

19.47 | Primeiros contactos entre altos cargos de Estados Unidos e Rusia desde o comezo da guerra en Ucraína

O Goberno dos Estados Unidos comunicou que o asesor de Seguridade Nacional dos Estados Unidos (EUA), Jake Sullivan, mantivo unha conversa co secretario xeral do Consello de Seguridade Rusia, Nikolai Patrushev. Trátase do primeiro contacto entre altos cargos das dúas superpotencias, despois de que o secretario de Estado dos EUA, Anthony Blinken, suspendera unha reunión co ministro de Asuntos Exteriores ruso, Sergei Lavrov, que ía ter lugar nos días nos que Putin anunciou o comezo da ofensiva militar en solo ucraíno.

18.52 | A Casa Blanca difunde unha lista co armamento que vai enviar a Ucraína

Após a intervención por videoconferencia do presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, no Congreso dos Estados Unidos (EUA), a Cas Blanca vén de difundir unha lista co armamamento que ten previsto enviar nos vindeiros días ao exército e milicias ucraínas. Ademais de vehículos e material de armamento como balas e diferentes tipos de rifles e pistolas, enviará 100 drons. Todo esete paquete de axuda armamentística ten un valor de 800 millóns de dólares.

17.36 | Rusia bloquea a BBC no seu territorio

A Agence France-Presse reporta que o Goberno ruso vén de bloquear o portal dixital da BBC no seu territorio como parte da "guerra da información" que Occidente iniciou, segundo acusa Rusia. A portavoz da diplomacia rusa, Maria Zajarova, explicou que o regulador ruso Roskomnadzor "bloqueou o sitio web de BBC News en Rusia.

16.49 | Putin defende que as sancións económicas "afectaron" máis á comunidade internacional que a Rusia

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, afirmou nunha declaración institucional, recollida por Sputnik, que as sancións económicas impostas pola Unión Europea e os Estados Unidos a Rusia "afectaron" máis á comunidade internacional que ao país que dirixe. O mandatario ruso tamén asegurou que Occidente "non necesita unha Rusia forte e soberana".  

15.44 | Zelenski insiste no estabelecemento dunha zona de exclusión aérea en Ucraína

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, volveu insistir nesta cuarta feira no estabelecemento dunha zona de exclusión aérea en Ucraína. Fíxoo durante unha videoconferencia con membros do Congreso dos Estados Unidos (EUA), na que Zelenski sinalou que, se o estabelecemento desa zona de exclusión aérea non é posíbel, os EUA e a OTAN deberían enviar máis armamento e aeronaves a Ucraína.

14.52 | ANÁLISE | Invasión de Ucraína: o que sabemos e o que non

"Analizar é unha obriga intelectual necesaria ante un conflito que nos alarma e interpela de forma contundente. A análise das causas profundas non é escusa para a condena da agresión rusa, inxustificada, contraria a todos os principios do dereito internacional e que xa está pagando, unha vez máis, o pobo ucraíno", apunta Luca Chao.

14.31 | Denuncian a morte de dous xornalistas

A Federación Internacional de Xornalistas condenou esta cuarta feira a morte do cámara da canle estadounidense FOX News Pierre Zakrzewski e da xornalista ucraína Oleksandra Kuvshinova, nun ataque atribuído polas autoridades ucraínas ás forzas rusas, nos arredores de Kíiv.

14.15 | Rusia deixa de ser membro do Consello de Europa

O Comité de Ministros do Consello de Europa vén de anunciar que a partir desta cuarta feira, 16 de marzo, a Federación Rusa deixará de ser membro da organización á que pertenceu os últimos 26 anos. O vicepresidente da Duma estatal rusa, Piotr Tolstói, xa informara na terza feira da decisión de Rusia de abandonar a entidade, segundo recolle a axencia Sputnik.

12.50 | Morre o "ideólogo" do batallón Azov

Segundo informa a axencia Sputnik, morreu o "ideólogo e cofundador" do rexemento militar ucraíno de extrema dereita Azov, Nikolái Krávchenko, "a raíz dun ataque dos militares rusos" este 15 de marzo. "Así o informou a través da súa conta de Telegram o comandante de Azov Andréi Biletski", di o medio ruso.

12.05 | Sen acordo para novos corredores humanitarios

O Goberno ucraíno, segundo recolle a axencia Europa Press, afirmou esta cuarta feira que non recibiu o visto bo de Rusia para estabelecer novos corredores humanitarios para evacuar civís na xornada de hoxe. Cómpre lembrar, aliás, que o Concello de Kíiv decretou esta terza feira un toque de recoller en toda a capital que estará en vigor até mañá.

10.55 | Lavrov: "Hai unha batalla por como será a orde mundial"

O ministro de Exteriores da Federación Rusa, Serguéi Lavrov, apuntou esta cuarta feira, en declaracións á canle rusa RBC TV, que se está a vivir un "momento histórico e transcendental na historia moderna", porque "reflicte a batalla no sentido máis amplo da palabra sobre como será a orde mundial". A respecto das negociacións con Ucraína, dixo que non son "fáciles" por "razóns obvias", se ben "hai esperanza de alcanzar un consenso".

09.05 | 29.000 persoas evacuadas polos corredores humanitarios

Segundo informa a axencia Sputnik, perto de 29.000 persoas foron evacuadas desde Ucraína esta terza feira, 15 de marzo, a través dos corredores humanitarios. Só na cidade de Mariupol, un dos escenarios máis afectados pola guerra, terían fuxido arredor de 20.000 persoas "nos seus propios vehículos" ao longo do día.

08.00 | Un terzo da poboación ucraína podería sumirse na pobreza

O Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) alertou esta cuarta feira de que 28% da poboación ucraína podería caer baixo o limiar da pobreza se a guerra con Rusia se prolonga. Aliás, até 62% do país sería "vulnerábel" á pobreza.

07.45 | Fortes bombardeos en Odesa

Segundo o asesor do ministro do Interior de Ucraína, Anton Gerashchenko, as tropas rusas terían disparado "unha gran cantidade de munición desde unha longa distancia" con "foguetes e artillaría" sobre a vila de Tuzly (Odesa) na noite da terza á cuarta feira.

07.30 | Denuncian ataques a civís en Chernígov e Donetsk

As autoridades ucraínas veñen de denunciar a morte de tres mozos en Chernígov que terían sido tiroteados por parte do Exército ruso. A Xustiza ucraína investigará posíbeis "violacións das leis e costumes da guerra, combinadas co asasinato premeditado". Aliás, o Goberno de Volodimir Zelenski reportou outras catro mortes e tres persoas feirdas na rexión de Donetsk, así como un bombardeo na rexión de Dnipropetrovsk, segundo recolle a axencia Europa Press.

Comentarios