No escrito da Avogacía do Estado

O Goberno Sánchez estuda retirar a acusación de rebelión contra os líderes independentistas

O aceno que o bloque independentista catalán agarda para dar luz verde aos orzamentos pactados polo Goberno Sánchez con Unidos Podemos podería chegar en forma de retirada da acusación de rebelión no escrito que a Avogacía do Estado ten de apresentar após esta quinta feira o Tribunal Supremo declarar aberto o xuízo oral aos presos políticos.

Tribunal Supremo

O xuízo oral aos líderes soberanistas presos —encabezados por Oriol Junqueras— tería lugar en xaneiro e a previsión é que se prolongue por espazo de tres meses. A sentenza chegaría entre xuño e xullo, despois, por tanto, do duplo combate electoral de maio de 2019 (eleccións locais e ao Parlamento europeo).

Agora todos os focos están postos na Fiscalía Xeral e na Avogacía do Estado, que teñen de prazo até a sexta feira 2N para apresentaren os seus escritos de acusación. Todo apunta a que o Ministerio Público, cuxo titular é eleito polo goberno mais en teoría goza de autonomía funcional, manterá o cargo de rebelión contra os independentistas. En troca, a Avogacía do Estado expresa a opinión do executivo e aí é onde se abre a marxe para o Goberno Sánchez facer o aceno que lle piden os soberanistas.

Esta quinta feira, a vicepresidenta Carmen Calvo xa deslizou implicitamente que o Goberno non ve delito de rebelión ao non se cumprir o requisito do levantamento armado. "O que podemos chamar golpe de Estado require duns instrumentos de forza que en calquera lexislación están conectados coas armas. Aquí, e na lexislación alemá, da que xa deu tamén proba o Tribunal de Schleswig-Holstein”, dixo en alusión á resolución da corte xermana que negou a extradición de Carles Puigdemont á Audiencia Nacional española por non achar indicios de rebelión na súa conduta.

O Goberno Sánchez está entalado entre dous fogos: por un lado, a presión independentista, sen aceno non hai orzamentos; por outro, a do bloque dereitista PP-Cs, liderado no seu flanco máis belicoso por un Pablo Casado que días atrás cualificou de golpista o presidente do goberno por aceptar os votos soberanistas.

Se se move na dirección independentista, haberá orzamentos. Se o fai na liña dura do unionismo, estaremos máis perto do anticipo das eleccións xerais.

Comentarios