"Os OXE son unha transfusión de sangue desde o pobo á banca"

O BNG debullou en conferencia de prensa o seu posicionamento a respecto dos Orzamentos Xerais do Estado para 2013 dos cales o voceiro nacional dixo, "seguen a saquear o pobo".

As deputadas parlamentares do BNG no Congreso español debullaron esta quinta feira os eixos arredor dos cales xirarán as emendas parciais que presentarán aos OXE 2013, após seren rexeitadas as once emendas á totalidade presentadas pola oposición. Olaia Fernández Davila, reiterou o rexeitamento d@s nacionalistas a uns orzamentos que di "antepoñen os intereses da banca ás necesidades das persoas" e traerá, dixo, "gravísimas consecuencias para todas e todos nós". Davila subliñou que o proxecto presentado polo Partido Popular no Congreso d@s deputad@s foi censurado "pola práctica totalidade dos grupos políticos" --agás UPN, principal socio político do PP--. Así as cousas, o grupo maioritario da Cámara, impediu que as emendas presentadas pola oposición saisen adiante. 

Aliás, Rosana Pérez, debullou máis polo miúdo as emendas parciais que neste punto do proceso de tramitación dos OXE, presentarán ao proxecto de lei. Neste sentido, a deputada nacionalista asegurou que o Bloque Nacionalista Galego non contibuirá a reformar os orzamentos no sentido que defende o executivo "unicamente na redución do déficit" senón que achegará propostas encamiñadas a paliar as consecuencias sociais da crise económica. Así pois, Pérez salientou a necesidade de dar un xiro na política económica cara á "reactivación daqueles sectores que xeran emprego" como o agro ou o naval no caso galego. Asemade, defenderán máis unha vez a necesidade de promover unha reforma fiscal integral e progresiva á fin de recadar maiores recursos "de quen máis ten". Tamén así, a parlamentar nacionalista asegurou que "é preciso reducir o investimento á Casa Real, en defensa ou loitar de maneira real contra a fraude fiscal", en troca de retallar en servizos públicos e políticas sociais. 

Finalmente, o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, salientou o carácter provisional dos Orzamentos dos cales dixo "serán modificados ao longo do ano e para peor". Vázquez referiuse á condicionalidade que a troika estabelecerá unha vez sexa aprobado o rescate e que introducirán cambios no programa económico do goberno, como xa acontecera en 2012. Vázquez describiu os OXE como unha "gran transfusión de sanque e recursos do pobo, directamente a unha maioría", polo que desde o BNG seguirán a defender un cambio de rumbo na política económica do goberno pois, asegura, "habería que preguntar á cidadanía se non prefire recortar en defensa en vez de recortar en educación". 

Comentarios