Erupción na Palma: A lava avanza cara ao mar e mantén miles de persoas evacuadas

A erupción pode durar "varias semanas, mesmo meses", segundo os expertos.

volcán palma Arturo Jimenez Dpa - Only For Use In Spain
photo_camera (Foto: Arturo Jimenez / Dpa)

A erupción en Cumbre Vieja, que comezou este domingo, prodúcese despois dunha semana na que se detectaron 25.000 terremotos na zona, que comezaron a máis de 20 quilómetros de profundidade pero que gradualmente subiron á superficie, até o punto de que elevaron a illa uns 15 centímetros. Até o momento, unhas 5.000 persoas foron evacuadas debido ao fenómeno, nunha illa duns 80.000 habitantes.

O presidente do Cabido de La Palma, Mariano Hernández, felicitouse esta segunda feira por non lamentar danos persoais ao comezo do proceso eruptivo na illa, aínda que recoñece que os danos materiais son considerábeis, afectando a perto de 100 vivendas nas primeiras 24 horas.

"De camiño ao mar, hai xa entre 80 e 100  vivendas afectados por lava, con coladas de lava de até 6 metros de altura que avanza lentamente de modo imparábel", dixo Hernández á primeira hora da mañá en Cope Canarias.

As imaxes mostran como unha lingua incandescente baixa lentamente, paralela a algunhas casas, mentres que outras tiveron menos sorte e desapareceron co paso dos fluxos de magma.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, dixo que os habitantes de La Palma poden "estar tranquilos" porque está "garantida a seguridade" despois de que se despregasen "todas as tropas posíbeis”.

A erupción comezou no municipio de El Paso, un dos catro que estaban en alerta por risco volcánico. "O chan estremeceuse e houbo un ruído que parecía un avión militar. Foi espectacular ", dixo o fotógrafo Miguel Pérez, colaborador de Efe.

Comentarios