O Goberno estatal compromete a construción de 20.000 vivendas destinadas ao alugueiro social

Rescate de 241 millóns de euros para a empresa hoteleira Hotusa, que organizou o Foro La Toja, nun Consello de Ministras e Ministros no que se deu luz verde a un investimento de máis de 5.000 millóns de euros en rehabilitación de edificios e vivenda social.
Rolda de prensa tras o Consello de Ministras e Ministros de onte con Félix Bolaños (Presidencia) e Isabel Rodríguez (voceira). (Foto: R.Rubio.POOL / Europa Press)
photo_camera Rolda de prensa tras o Consello de Ministras con Félix Bolaños (Presidencia) e Isabel Rodríguez (voceira). (Foto: R.Rubio. POOL / Europa Press)

A rehabilitación de inmóbeis e a vivenda social centraron a xuntanza do Consello de Ministras e Ministros desta terza feira, coa aprobación dun investimento de 5.520 millóns de euros que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e que conta co financiamento da Unión Europea.

No acordo, contémplase a construción de 20.000 novas vivendas dirixidas a alugueiro social, cun custe de 1.000 millóns de euros, sinalou a voceira do Goberno español e ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez.

No que atinxe á rehabilitación de vivendas, especialmente focalizada no impulso á eficiencia enerxética, subvencionarase até o 80% do custe total, coa posibilidade de chegar ao 100% no caso de persoas en situación de vulnerabilidade socieconómica. Rodríguez destacou que a norma “xerará emprego no curto prazo”.

Nesta partida, de 3.420 millóns de euros, recóllese tamén a posibilidade de rehabilitación a nivel de barrios, para a que se resgardan 976 millóns de euros. A previsión do Executivo estatal nesta clase de proxectos é cubrir o gasto total.

Con respecto a edificios individuais, as axudas cubrirán entre o 40% e o 100% cando se trate de fachadas, instalación de caldeiras ou paneis fotovoltaicos, dependendo do nivel de eficiencia enerxética que alcance o inmoble coas modificacións. As actuacións en vivendas particulares permitirán recibir axudas polo 30% do valor, como por exemplo na substitución de xanelas.

Na mesma partida inclúense 450 millóns de euros para bonificacións fiscais, cunha dedución do 20% para as persoas que reduzan un 7% a demanda de calefacción e refrixeración da vivenda e até do 60% nos edificios que diminúan un 30% o consumo de enerxía primaria non renovábel.

Ao tempo, no decreto apártanse 1.100 millóns de euros en avais ICO para incentivar as obras de rehabilitación.

Segundo paquete de axuda á Palma

Por outra banda, o Consello de Ministras e Ministros tamén abordou a situación na illa canaria da Palma. O ministro de Presidencia, Félix Bolaños, presentou o segundo paquete de axudas aprobado na reunión, logo de lanzar hai unha semana as axudas máis urxentes co gallo da erupción volcánica, cun orzamento de 214 millóns de euros.

Ademais das axudas directas para persoas, estabelecementos industriais, mercantís e de servizos, apuntou o ministro, o gabinete resolveu sufragar o 100% dos gastos dos Concellos por mor dos gastos urxentes que tiveron que acometer pola emerxencia. As persoas afectadas poderán suspender durante seis meses o pago de subministracións, así como as obrigas crediticias. Aliás, o proxecto engade un plan de formación de 63 millóns de euros.

Rescate a Hotusa

Amais, Rodríguez transmitiu que o gabinete deu luz verde á compañía hoteleira Hotusa -organizadora do Foro La Toja- para recibir 241 millóns de euros en créditos da Sociedade Estatal de Participacións Industriais, ao considerala “unha empresa estratéxica”; é a sétima empresa rescatada polo Goberno estatal desde o comezo da pandemia, despois de Air Europa, Ávoris, Duro Felguera, Tubos Reunidos, Plus Ultra e Rugui Steel.

Mañá aprobarán o proxecto de orzamentos

O PSOE e Unidas Podemos anunciaron esta terza feira pola mañá que finalmente alcanzaron un acordo para os Orzamentos Xerais do Estado (OXE) e a Lei de vivenda, que de aprobarse será a primeira norma específica desta cuestión a nivel estatal. O ministro de Presidencia, Félix Bolaños, asegurou que esta quinta feira decorrerá un Consello de Ministros extraordinario para aprobar o anteproxecto de OXE, que prevé unha subida do 2% no salario do persoal funcionario.

Amais, Pedro Sánchez, presidente do Estado, fixo público que a Lei de vivenda -que será debatida máis adiante- contará cun bono social de alugueiro para as persoas entre 18 e 35 anos cuns ingresos anuais inferiores aos 23.725 euros.

Este bono consistirá nunha axuda de 250 euros mensuais para o pago da vivenda durante dous anos, que se poderá conxugar con outras axudas.

Comentarios