Rajoy volta a botar man do TC

Madrid pon o calendario do referendo en perigo, mentres JxSí e CUP reforzan a súa alianza

O Consello de Ministros tomou esta sexta feira 28 de xullo a decisión de levar a reforma do regulamento do Parlament catalán ao Tribunal Constitucional despois de recibir o ditame urxente do Consello de Estado. O Partido Popular prevé que o Constitucional admita a trámite o recurso e suspenda a reforma do regulamento.

Mariano Rajoy_PP
photo_camera Rajoy, á ofensiva contra un referendo cuxa celebración apoian 80 de cada 100 cataláns

A decisión foi tomada na última reunión do Consello de Ministros antes das vacacións de verán. No caso de o Tribunal Constitucional admitir a trámite o recurso, o calendario previsto por Junts Pel Sí e a CUP en relación co referendo do 1 de outubro estaría en perigo.

Foi esta cuarta feira día 26 de xullo cando Mariano Rajoy, despois da aprobación no Parlament da reforma do regulamento, recabou do Consello de Estado a elaboración dun ditame urxente sobre o contido do texto aprobado pola cámara catalá. O organismo que preside Romay Beccaría concluíu que hai fundamentos xurídicos suficientes para presentar un recurso de inconstitucionalidade. O propio Consell de Garantias Estatutàries catalán -un órgao en todo caso consultivo- viu problemas de legalidade na reforma regulamentar (que permitiría a tramitación da Lei do Referendo polo procedimento da leitura rápida, co que se limita o direito da oposición a formular emendas parciais).

E mentres Madrid movía ficha na dirección de botar man dun Tribunal Constitucional que está a se mostrar como un arma arreboladiza do Estado contra o procés, todas as parlamentares de Junts pel Sí e da CUP asinaron esta sexta feira a Lei do Referendo, que se rexistará formalmente no Parlament a vindeira segunda feira 31 de xullo.

A meio deste aceno simbólico, Junts pel Sí (a antiga Convergència Democràtica de Catalunya máis Esquerra Republicana) e a Candidatura d'Unitat Popular (CUP) queren mostrar a solidez da súa alianza estratéxica en defensa do referendo axendado para o 1 de outubro, convocatoria que tenciona ser boicotada polo Estado español co uso de todo o arsenal xurídico ao seu alcance.

Comentarios