O Gabinete de Seguridade sionista estuda a ocupación militar da Faixa de Gaza

O primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu busca dar un novo paso na tentativa de efectuar un exterminio e unha limpeza étnica

Palestinos cargan axuda humanitaria na Cidade de Gaza, no norte da Faixa, o 7 de agosto de 2025. (Foto: Omar Ashtawy / APA Images vía ZUMA Press / DPA vía Europa Press)
Palestinos cargan axuda humanitaria na Cidade de Gaza, no norte da Faixa, o 7 de agosto de 2025. (Foto: Omar Ashtawy / APA Images vía ZUMA Press / DPA vía Europa Press)

Todo indicaba que a quinta feira o Gabinete de Seguridade do Executivo de extrema dereita de Israel, que seguía á hora de fechamento desta edición, aprobaría a proposta do primeiro ministro Benjamin Netanyahu para ocupar toda Gaza, nun novo paso cara ao exterminio do pobo palestino no enclave, enmarcado no xenocidio no que os sionistas xa mataron máis de 61.000 persoas.

Antes de facerse pública a decisión gobernamental, rexeitada polo Exército e que se prevía apenas recibira a oposición duns poucos ministros na xuntanza, Netanyahu afirmou á canle Fox News que “temos a intención” de ocupar a Faixa, mais “non queremos conservala, queremos ter un perímetro de seguridade”, engadindo que “non queremos gobernala” e si “entregarlla a forzas árabes que a gobernarán adecuadamente, sen ameazarnos, e que dean aos habitantes de Gaza unha boa vida”.

Ao tempo, indicou á canle CNN-News18 que o réxime “non anexará Gaza” e entregará o control a “un órgano de Goberno de transición”.

Aínda que Netanyahu insistiu en que a ocupación responde aos obxectivos públicos do xenocidio, acabar con Hamás e a liberación dos detidos israelís en Gaza, isto é “unha fantasía”, sentenciou o ex xefe da Intelixencia interior israelí, Yoram Cohen.

“Se alguén imaxina que podemos chegar a cada terrorista, a cada foxo e a cada arma, e ao mesmo tempo traer a casa os nosos reféns, creo que é imposíbel”, subliñou.

Cohen, como o ex primeiro ministro Ehud Barak, atribúen esta nova decisión á intención gobernamental de prolongar o conflito, despois de ter boicoteado o Gabinete o proceso de negociación de cara á fin do conflito ou o último cesamento do fogo, que incumpriu pola súa negativa a pór fin ao xenocidio, algo que pactara.

Ademais, esta semana, arredor de 550 antigos militares e membros das forzas de seguridade e a diplomacia sionista asinaron unha carta na que piden ao presidente dos Estados Unidos Donald Trump “influír” para que Netanyahu acepte a fin das hostilidades, a condición clave imposta por Hamás, que goberna Gaza, para dar luz verde a unha tregua e a un intercambio dos detidos sionistas por presos palestinos en Israel. Foi precisamente por medio destes intercambios como o réxime israelí logrou que foran liberados a inmensa maioría dos seus presos no enclave palestino.

“Israel está preparando unha limpeza étnica, temos que afrontalo”, resolveu o analista Gideon Levy, que detallou que “a intención [detrás da ocupación] é bastante transparente, empurrar toda a xente de Gaza a este campo de concentración ‘humanitario’ e logo ofrecerlles marchar”.

Nese sentido, grupos que se dedican á distribución de axuda humanitaria e a propia Organización das Nacións Unidas (ONU) criticaron que detrás da Fundación Humanitaria de Gaza (GHF), unha iniciativa israelí-estadounidense, estaría a vontade de facilitar unha limpeza étnica ao forzar as e os gazatís a concentrarse no sur do enclave.

A quinta feira, Médicos Sen Fronteiras demandou o “desmantelamento inmediato” da entidade, cuxos puntos de distribución “fanse pasar por axuda” mais “convertéronse en laboratorios de crueldade”, reiterou Raquel Ayora, a súa directora no Estado español, tras constatar como as tropas israelís disparan de forma indiscriminada contra os civís que buscan axuda, o que varios soldados admitiron. Arredor de 1.400 palestinas e palestinos morreron deste xeito desde finais de maio.

"Morte en cada curruncho"

Ahmed Bayram, responsábel de Comunicación do Consello Noruegués para os Refuxiados, censurou que a ocupación, “se o mundo o permite, será o abandono de toda a poboación”, e “significará a existencia de mortes en cada curruncho e a propagación de doenzas”. 197 persoas como mínimo morreron de fame en Gaza, 96 delas crianzas. Un dos decesos foi o de Atef Abu Khater, de 17 anos, que faleceu despois de baixar de 70 a 25 kg polo bloqueo israelí.

Tanto no réxime sionista como no resto do mundo hai consenso sobre que o principal motivo para continuar co xenocidio é a situación persoal do propio Netanyahu. Mentres que o sector máis extremista do seu Goberno ameaza con romper a coalición no caso de que acepte a fin das hostilidades, de perder o poder podería ser enviado ao cárcere no marco do xuízo contra el por corrupción. Tamén ten unha orde de arresto na súa contra do Tribunal Penal Internacional (TPI) por crimes de guerra e contra a humanidade en Gaza.

Porén, e logo de aprobar o Parlamento unha petición para anexionar a ocupada Cisxordania, tamén podería estar motivado pola posibilidade de anexionar Gaza, completando a colonización do territorio palestino á que aspira o movemento sionista ante a inacción dos seus aliados.

Incluso Eyal Zamir, líder do Exército, alertou segundo os medios locais de que “ocupar a Faixa arrastraría Israel a un burato negro, asumindo a responsabilidade de dous millóns de palestinos, requirindo unha operación de limpeza dun ano de duración, expondo os soldados á guerra de guerrillas e, o máis perigoso, pondo en risco os reféns”.

En todo caso, a decisión contaría co aval de Washington, principal aliado e provedor armamentístico israelí, e cuxo presidente limitouse a aseverar que a ocupación “dependerá en gran medida de Israel”, após permitirlle boicotear a última rolda de negociacións con Hamás e propor unha limpeza étnica nunha Gaza que pasaría a ser propiedade estadounidense.

Ao tempo, a Unión Europea (UE), outro aliado e segundo provedor de armas dos sionistas, segue sen implementar ningunha medida de presión para acabar co xenocidio, a pesar de que a quinta feira a voceira da Comisión Europea, Anna-Kaisa Itkonen, admitiu que o réxime israelí está a incumprir o acordo con Bruxelas para permitir o acceso de 160 camións diarios con axuda humanitaria.

Un pacto co que o bloque comunitario, ignorando que a Faixa precisa 500 camións ao día como pouco, xustificou non aplicar sancións nin ningunha outra medida aínda que certificou que Israel cometeu masivas violacións contra os dereitos humanos, o que en teoría debería implicar a suspensión do Acordo de Asociación.

En paralelo, Itkonen rexeitou cualificar o que acontece en Gaza como xenocidio, logo de que a vicepresidenta da Comisión Teresa Ribera indicara que “aseméllase moito” a este crime.

Pola súa parte, o Tribunal de Primeira Instancia de Bruxelas ordenou ao Goberno de Flandres que bloquee un contedor de material militar con destino a Israel no porto de Anveres, prohibindo tamén calquera tránsito de material militar en dirección ao réxime sionista en virtude da Convención sobre o Xenocidio, a Convención de Xenebra e o Tratado sobre o Comercio de Armas.

Comentarios