Hamás exixe garantías de que a tregua implicará a fin do xenocidio

A relatora da ONU pide un embargo comercial e de armas a Israel.

Un mozo entre os cascallos dos edificios en Gaza, esta quinta feira 3 de xullo. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / ContactoPhoto vía Europa Press)
Un mozo entre os cascallos dos edificios en Gaza, esta quinta feira 3 de xullo. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / ContactoPhoto vía Europa Press)

24 horas despois de que o presidente dos Estados Unidos Donald Trump fixera público que Israel aceptou as condicións para finalizar un acordo de cesamento do fogo en Gaza, o réxime sionista aínda non o confirmou oficialmente, e Hamás “está a buscar garantías” de que a tregua suporá a fin do xenocidio, indicou a quinta feira unha fonte próxima ao grupo á axencia Reuters.

Asemade, un funcionario exipcio informou de que Hamás revisaría o marco para a suspensión das hostilidades con outras organizacións palestinas, e prevese que a sexta feira remita a súa resposta á última proposta do grupo de mediadores, que compoñen amais do país americano Qatar e Exipto.

Ao tempo, medios sionistas revelaron que, por primeira vez desde o inicio do xenocidio en outubro de 2023, no que asasinou máis de 56.000 palestinas e palestinos, o Goberno de extrema dereita israelí que lidera Benjamin Netanyahu está a considerar acabar coa agresión militar ao enclave palestino.

Entrementres, a relatora da Organización das Nacións Unidas (ONU) para Palestina, Francesca Albanese, presentou un informe no que recolle as máis de 60 empresas que se lucran coa “economía israelí de ocupación ilegal, apartheid e agora xenocidio”, entre elas a vasca CAF.

Nese sentido, fixo un chamamento a todos os países do mundo a aplicar un embargo comercial e de armas para frear o réxime sionista.

Flotilla da Liberdade

Ademais, Sergio Toribio, activista español que viaxaba nun barco da Flotilla da Liberdade asaltado por Israel cando levaba axuda humanitaria a Gaza, denunciou a quinta feira Netanyahu e varios militares sionistas na Audiencia Nacional polo que sostén que se tratou dun crime de guerra e de lesa humanidade.

Comentarios