Máis de 500 ex oficiais sionistas demandan a Trump que acabe co xenocidio en Gaza
Arredor de 550 antigos militares e membros das forzas de seguridade e a diplomacia do réxime sionista, entre eles ex líderes do Exército, a Intelixencia ou a Policía, rubricaron a segunda feira unha misiva na que reclaman ao presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, “influír” para que o Goberno de extrema dereita do primeiro ministro Benjamin Netanyahu acepte un acordo para pór fin ao xenocidio por medio dun intercambio de presos entre Israel e Palestina.
Asemade, un xeneral retirado, Yitzhak Brik, efectuou no xornal Haaretz unha demanda similar, facendo énfase en que Israel é un “Estado paria e leproso” e en que a anexión de parte de Gaza, como defende parte do Gabinete, “é un suicidio político”. Ao tempo, admitiu que as forzas terrestres dos militares sionistas “son moi pequenas e están esgotadas”.
En todo caso, a institucionalidade do réxime segue a deteriorarse, e o Tribunal Superior israelí suspendeu de inmediato a decisión do Executivo de destituír a fiscal Gali Baharav-Miara, que lidera o proceso xudicial por corrupción contra Netanyahu.
Entrementres, a situación en Gaza está a entrar “nunha espiral de colapso humanitario irreversíbel” pola fame extrema que o bloqueo israelí está a causar, comunicaron grupos humanitarios á canle Al Jazeera, no contexto da tentativa israelí de exterminar a poboación do enclave.
Con todo, as crecentes mortes por fame en Gaza, especialmente de crianzas, non están a desencadear cambios relevantes na opinión pública do Estado sionista, no que se suceden os chamamentos abertos ao xenocidio nuns medios de comunicación sometidos á censura militar, afirmou o analista israelí Ori Goldberg, que resalta que boa parte da xente “desprendeuse conscientemente da realidade”.
“As escenas non xeran maior empatía” mais “si certa incomodidade”, debulla, pois “xa non é posíbel negar o que sucede en Gaza” e é cada vez máis difícil para a poboación continuar afirmando que “ningunha morte acontecida en Gaza é responsabilidade de Israel”.
De forma paradoxal, tanto Israel como os seus aliados da Unión Europea (UE) criticaron repetidamente que os detidos israelís en Gaza estean a pasar fame como o resto da poboación do enclave, ante o que Hamás, que goberna a Faixa, ofreceu que a Cruz Vermella lles entregue axuda se Israel deixa de obstaculizar o seu acceso ao territorio palestino.
Como mínimo 60.933 persoas foran asasinadas até a segunda feira por Israel no xenocidio que perpetra en Gaza desde outubro de 2023.
