Delegacións de Israel e Hamás negocian en Qatar unha posíbel tregua en Gaza
As delegacións de Israel e o Movemento de Resistencia Islámica (Hamás) iniciaron esta segunda feira os seus contactos indirectos na capital qatarí, Doha, para tentar alcanzar un novo acordo de cesamento do fogo na faixa de Gaza, confirmou o Goberno de Qatar, despois de que o Exército israelí rachase o 18 de marzo o acordo de xaneiro e relanzase a súa ofensiva contra este territorio palestino.
O portavoz do Ministerio de Exteriores qatarí, Majed al Ansari, resaltou que "o que se está tratando é un marco xeral", antes de agregar que "as conversas detalladas aínda non principiaron". "Tentamos reducir as diferenzas para o marco negociador e crear un clima adecuado", explicou. "É moi pronto para falar sobre detalles, mais hai sensacións positivas. O proceso leva tempo e non se pode dar un calendario claro para lograr obxectivos", manifestou, á vez que incidiu en que o obxectivo é "chegar a unha etapa para pór fin á guerra", segundo a cadea de televisión qatarí Al Jazira.
As conversas arrancan no marco da visita oficial aos Estados Unidos de América do primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, quen informou o presidente dos EUA, Donald Trump, de que o recomendou para o Premio Nobel da Paz a través dunha misiva enviada ao comité organizador destes coñecidos galardóns.
"Quero presentarlle, señor presidente, a carta que enviei ao Comité do Premio Nobel. Nela noméoo para o Premio Nobel da Paz, que é moi merecido e que debería recibir", afirmou Netanyahu antes de entregar a Trump a carta co nomeamento. Ademais, sinalou que "neste mesmo momento, está a forxar a paz nun país, nunha rexión tras outra".
Por outra parte, o Ministerio de Sanidade palestino anunciou esta segunda que o número de falecidos desde o inicio dos ataques israelís o 7 de outubro de 2023 ascendeu a 57.575 e o de feridos a 136.879. Pola súa parte, o Goberno de Tel Aviv informou da morte de cinco dos seus soldados en Gaza a mans da resistencia palestina.
