Amplo seguimento e piquetes multitudinarios na folga xeral feminista en Euskal Herria

Convocada polo Movemento Feminista de Euskal Herria, contou co apoio da maioría sindical. O paro está a se deixar notar “notabelmente desde primeira hora da mañá”, sinalan as convocantes, con incidencia en transportes, industria, ensino e comerfio, entre outros sectores.

ela 1
photo_camera (Foto: ELA)

A primeira folga xeral feminista de Euskal Herria está a ter unha gran repercusión en diversos sectores, segundo informaron as convocantes a través dun comunicado que recolle o diario euskaldun ‘Berria’. Hai centos de mobilizacións organizadas polos comités de folga creados en vilas e barrios. As convocatorias de piquetes de madrugada están a ser concorridas e variadas. Co despuntar o día, xa se escoitaron cazoladas nas entradas xerais a grandes centros de traballo e centros urbanos.

Varias estradas foron cortadas, e o transporte público tamén se viu afectado desde primeira hora da mañá. “É folga feminista xeral e hoxe é día de folga” gritan as miles de persoas que se mobilizan nas rúas. Nos piquetes producíronse varios confrontos e no de Michelín en Gasteiz a Ertzaintza detivo a dúas persoas.

A folga xeral feminista ten como obxectivo a problematización e reorganización de todo o ámbito dos coidados. O paradoxo non se ovulta. "Estas mulleres que non poden facer folga por estar a realizar servizos mínimos, por non ter dereito a folga ou porque se lles impuxeron servizos abusivos, non se contabilizarán nos datos de quen fixo folga". A maioría sindical sumouse a este paro: ELA, LAB, Etxalde, CGT, ESK, EHNE e Steilas.

Tamén se sumou EH Bildu, que informou de que non participará nas sesións que hoxe decorren nos parlamentos de Gasteiz e Iruña, aínda que garantirán unha presenza mínima no debate de determinadas leis. Nos concellos que gobernan tamén fan folga e chamaron a secundala no resto de municipios. Os concelleiros de Elkarrekin Podemos en Bilbo tamén se sumaron á folga e non participaron no pleno de hoxe.

Nas capitais é onde máis se notou o impacto. En Gasteiz notouse unha gran conxestión de coches á primeira hora da mañá, co corte de estradas, e o mesmo ocorreu en Bilbo e Donostia. En Iruña, o servizo de autobuses tamén tivo paradas á primeira hora por piquetes.

Segundo os datos dos organizadores, no que respecta a os medios de comunicación, no grupo EITB a resposta á folga é ampla e na radio e televisión pública estabelecéronse uns servizos mínimos; só os informativos están a se emitir. En ETB non se van gravar programas, e só se están emitindo informativos e programación gravada. Ademais, están en folga numerosos medios de comunicación: Gara, Berria, Hamaika telebista, a revista Argia, Ala Bedi Irratia, Pikara.

En Euskotren e no Metro de Bilbao, a repercusión da folga está a ser moi elevada e estase traballando con servizos mínimos.

O paro afectou tamçen os 600 centros educativos que hai na educación pública. Na universidade, a actividade estará practicamente paralizada nos campus de Araba, Bizkaia, Gipuzkoa e Nafarroa. Nos centros concertados tamén tivo unha gran repercusión, a maioría das ikastolas pecharon as súas portas, e no resto de centros a resposta tamén foi notábel.

Tamén no ámbito municipal, varios concellos guipuscoanos sumáronse á folga: Azpeitia, Ordizia, Oñati, Arrasate, Orio, Urretxu, Tolosa, Bergara e Zumaia, entre outros. Tamén se espera unha resposta ampla en Bizkaia e Araba.

Os servizos mínimos estabelecidos nos servizos de benestar social e sanidade condicionaron totalmente a folga. A miles de traballadores denegóuselles o dereito de folga, xa que en moitos servizos os servizos mínimos son de 100%. Por exemplo, nas quendas de noite, case ningún traballador tivo ocasión de secundar a folga. Tamén se estableceron servizos mínimos de 100% ao persoal de PAC ou emerxencias. Segundo datos de Osakidetza (servizo vasco de saúde), na quenda de noite, 0,26% do persoal secundou a folga.

Nas residencias de anciáns e centros de día, os servizos mínimos condicionarán por completo o impacto da folga. Ademais de ser excesivos, dado que os residentes que están na maioría das residencias de anciáns son moi dependentes, é practicamente imposíbel facer folga; por exemplo, nunha residencia de anciáns de 55 traballadores, só poderán facer folga cinco. Así, o éxito foi considerable entre os traballadores que podían facer folga.

Gran repercusión na industria

A folga está a ter unha gran repercusión na industria, sobre todo en Gipuzkoa. A produción está totalmente paralizada en empresas como Indar (Beasain), Arcelor Mittal (Bergara), Mondragon Assembly (Arrasate), Natra Zahor (Oñati), José María Mendiola (Andoain) e Niessen (Oiartzun), entre outras.

A resposta está a ser moi alta nas empresas CAF de Beasain e Irun. En Bizkaia, a folga afecta especialmente á industria de Lea Artibai e o Duranguesado. Empresas como Microdeco ou AKT Plásticos suspenderon a súa actividade.

A incidencia tamén se notou en toda Bizkaia, en empresas como Lucart e Cementos Lemona, do Kadagua. En #Álava tamén hai folga. En Gasteiz, destaca o impacto en DHL e Ferrovial, con fortes paradas en todo o polígono. En Aiala, a incidencia da folga está a ser especial, como en empresas como Amurrio Ferrocarrís, JEZ Sistemas ou Artiach.

En Nafarroa, a resposta no sector industrial foi variada e tivo maior incidencia nas empresas do cinto industrial de Pamplona, onde se celebraron piquetes no polígono Arazuri Orkoien e na Cidade da Innovación. Más éxito en Iparralde e Sakana, onde a resposta máis destacada foi nas empresas Magotteaux e Torraspapel.

Comercio

A folga tamén tivo repercusión no sector do comercio, especialmente no téxtil e o calzado: destaca a resposta de Tendam e H & M. No ámbito do comercio de alimentos, a folga tamén tivo un impacto destacado en Eroski.

Por todo iso, ao mediodía realizaranse outras tantas mobilizacións e vila a vila. En Bilbo, Donostia, Iruña e Gasteiz levarán a cabo accións coordinadas desde os colectivos de traballadoras do fogar e de coidados, e centrarase o coidado nas reivindicacións das traballadoras.

O Movemento Feminista de Euskal Herria chamou a sumarse ás mobilizacións de toda a xornada para denunciar a privatización dos servizos de coidado, esixir responsabilidades polas situacións colapsadas das traballadoras de coidado, apostar polo sistema público e reivindicar o dereito colectivo ao coidado.

Comentarios