A folga xeral en contra das medidas do FMI paraliza Sri Lanka

Bancos, portos e hospitais foron afectados pola masiva folga xeral en Sri Lanka, cuxa poboación cuestiona as dificultades engadidas que supón para as súas vidas as exixencias do FMI para outorgar un préstamo ao país asiático.
Protestas a cuarta feira en Sri Lanka. (Foto: Sunanda Deshapriya)
photo_camera Protestas a cuarta feira en Sri Lanka. (Foto: Sunanda Deshapriya)

40 sindicatos de Sri Lanka organizaron a cuarta feira unha folga xeral que tivo un seguimento masivo segundo refiren os medios locais, e que obrigou a fechar a maioría das sedes bancarias do país, portos e até algúns hospitais.

As protestas exixen a fin das medidas reclamadas polo Fondo Monetario Internacional (FMI) para outorgar un préstamo de 2.700 millóns de euros que axude a conter unha inflación de 50,6% e superar unha bancarrota que o presidente Ranil Wickremesinghe adianta se estenderá até 2026.

Estas medidas inclúen unha suba do prezo da electricidade de 66%, unha alza dos impostos sobre a renda e unha redución xeral do gasto público, no marco dunha crise que disparou os prezos e provocou desabastecemento de alimentos, medicinas ou combustíbel, así como apagadas periódicas de electricidade, e que xa xerou mobilizacións multitudinarias que obrigaron o ex presidente Gotabaya Rajapaksa a renunciar en 2022.

“Estamos protestando porque nos custa vivir”, explicou Niroshan Gorakanage, da Alianza Sindical de Portos, que incidiu en que “este Proxecto de lei do imposto sobre a renda debe ser eliminado ou imos garantir que haxa máis problemas para este Goberno”.

Os líderes sindicais trasladaron que o mandatario lles confirmou o sábado que non dará marcha atrás no aumento deste imposto, recoñecendo que é unha das condicións do FMI para entregar os cartos. As múltiples protestas que se desenvolveron no país se efectuaron a pesar do incremento da represión por parte do Goberno de Wickremesinghe, que a terza feira chegou a prohibir as folgas no sector público e ameazar con despedir as persoas funcionarias que non se presentaran onte no seu posto de traballo.

A pesar do éxito da folga, non é a única manifestación que decorreu nos últimos meses, coas protestas intensificándose en paralelo á represión.

O pasado domingo, unha protesta pacífica en contra da suspensión das eleccións locais, ao negarse o Executivo a dotar o órgano electoral dos fondos necesarios esgrimindo a crise económica no país, acabou coa morte dunha persoa a mans da Policía, xunta ducias de persoas hospitalizadas.

Amnistía Internacional fixo fincapé en que as accións policiais “custaron durante os últimos meses a vida de moitos manifestantes pacíficos”, e solicitou “investigacións independentes e imparciais sobre todas as denuncias de violacións dos dereitos humanos”.

Comentarios