O presidente de Sri Lanka confirma que fará efectiva a súa dimisión esta cuarta feira

Os manifestantes ocuparán a residencia do mandatario até a renuncia.
Milleiros de persoas mantéñense no palacio presidencial srilankés desde o pasado sábado, forzando a renuncia dos líderes do país. (Foto: BillyM2K)
photo_camera Milleiros de persoas mantéñense no palacio presidencial srilankés desde o pasado sábado, forzando a renuncia dos líderes do país. (Foto: BillyM2K)

O presidente cingalés, Gotabaya Rajapaksa, púxose en contacto onte co primeiro ministro, Ranil Wickremesinghe, para ratificarlle a súa decisión de presentar esta cuarta feira a dimisión como líder do país insular, perante a tensión crecente na que se instalou Sri Lanka desde o pasado sábado, culminando unha revolta que se viña xestando desde marzo, co colapso da economía.

Malia que tanto o primeiro ministro como o presidente xa se comprometeran a dimitir 48 horas antes, cando milleiros de persoas asaltaron o palacio presidencial e prenderon lume á residencia privada de Wickremesinghe, os líderes das protestas reiteraron que ocuparán a residencia do mandatario até que a súa marcha sexa efectiva, temerosos de que trate de facer un movemento de última hora para manterse no poder.

Sexa como for, desde o sábado non hai confirmación oficial da localización dos políticos, pero fontes gobernamentais citadas por Al Jazeera sosteñen que Rajapaksa se atopa nun barco da Armada de Sri Lanka nos límites territoriais, por se precisase finalmente escapar, ao tempo que outros aliados defenden que está nun país próximo e que retornará hoxe. Mentres, centos de persoas continúan chegando á capital, Colombo, despois de camiñar durante días desde as zonas máis afastadas da illa para apoiar as protestas.

Loita pola Presidencia

Os partidos con representación no lexislativo negocian desde o domingo para crear un gabinete de concentración orientado a estabilizar a situación e organizar unhas eleccións presidenciais e parlamentarias antes de marzo de 2023. Segundo a constitución, se dimite o presidente o primeiro ministro pasa a ser xefe de Estado provisional; un mes despois o Parlamento decide se valida o nomeamento ou elixe outro deputado como mandatario.

Se os dous dimiten será Mahinda Yapa Abeywardena, o presidente do lexislativo, o que asuma o poder de maneira provisional. Medios locais aseguran que o aínda presidente procura manobrar para que sexa Abeywardena e non Wickremesinghe —antigo rival de Rajapaksa— quen asuma a Presidencia. Con todo, medios internacionais sosteñen que o primeiro ministro xa conseguiu o apoio de 115 dos 225 parlamentarios.

Pola outra parte, a principal alianza opositora, Poder do Pobo Unido, transmitiu que dan por feito que o novo Executivo de concentración terá o seu líder, Sajith Premadasa, como primeiro ministro.

Motivados pola peor crise no país desde que se independizou do Reino Unido en 1948, tamén dimitirán catro integrantes do gabinete, cuxa renuncia non foi aceptada, polo que tiveron que asistir á xuntanza de urxencia convocada polo Goberno esta segunda feira.

As principais medidas tomadas para reverter a situación, ademais da negociación con India, a China e o Fondo Monetario Internacional para reestruturar a débeda e normalizar o estado económico no país, foron os anuncios de que as gasolineiras podían comezar a vender onte combustíbel a propietarios privados, e mais da chegada de case 15.000 toneladas de gas licuado aos portos cingaleses.

70% dos fogares reduciu o consumo de alimentos

A caída do turismo pola pandemia e das remesas das persoas emigradas, sumadas á prohibición da importación de fertilizantes químicos en 2021 e á alza dos prezos nos primeiros meses de 2022 fixeron estoupar a economía cingalesa. A escaseza de divisas paralizou a importación de combustíbeis, medicinas e alimentos.

O Goberno optou por fechar as escolas, instar a poboación a cultivar os seus propios alimentos e negociar un rescate sen éxito cos estados da contorna, e acabou por non permitir a compra de gasolina a propietarios privados, o que levou ás masivas protestas do sábado.

O deterioro da situación humanitaria levou Unicef a lanzar unha alerta hai un mes ao constatar que 50% das crianzas precisaba axuda inmediata e que o 70% dos fogares do país víronse obrigados a ter que reducir o seu consumo de alimentos.

Comentarios