Manifestantes toman a residencia presidencial de Sri Lanka

Os manifestantes crebaron o perímetro de seguridade que rodeaba a residencia oficial de Rajapaksa. A Policía recorreu aos gases lacrimóxenos para evitar a intrusión, aínda que o presidente abandonara previamente a zona. 
Manifestantes durante as protestas que esixen a dimisión do presidente Gotabaya Rajapaksa. (Foto: Scott Bailey/AAP/dpa)
photo_camera Manifestantes durante as protestas que esixen a dimisión do presidente Gotabaya Rajapaksa. (Foto: Scott Bailey/AAP/dpa)

Centos de manifestantes entraron este sábado na residencia oficial do presidente de Sri Lanka en Colombo, Gotabaya Rajapaksa, durante unha xornada de protestas masivas para esixir a dimisión do presidente pola súa xestión da crise económica.

Segundo a prensa local, os manifestantes crebaron o perímetro de seguridade que rodeaba a residencia oficial de Rajapaksa. A Policía recorreu aos gases lacrimóxenos para evitar a intrusión, aínda que o presidente abandonara previamente a zona. 

Fontes do Ministerio de Defensa declararon que o presidente Gotabaya Rajapaksa foi evacuado das instalacións oficiais na sexta feira para asegurar a súa seguridade antes da manifestación prevista para a fin de semana.

 

Miles de persoas concentráronse en Colombo para conmemorar o terceiro mes de continuas protestas que esixen a dimisión de Rajapaksa pola súa xestión da crise económica. 

O país está en bancarrota, nunha situación económica e social moi grave.

A pesar da escaseza de combustíbel que paralizou os servizos de transporte, os manifestantes embarcaron en autobuses, trens e camións desde varias partes do país para chegar a Colombo para protestar pola incapacidade do goberno de protexelos da ruína económica.

As protestas comezaron en marzo, cando as autoridades impuxeron cortes de luz de máis de 13 horas diarias.

O descontento empeorou nas últimas semanas a medida que o país, con graves dificultades económicas, deixou de recibir envíos de combustíbel, forzando o peche das escolas e o racionamento de gasolina e gasóleo para servizos esenciais.

Comentarios