Máis de medio cento de firmas galegas, afectadas polo parón comercial con Alxeria

As empresas confían en que o Goberno español reconduza o conflito
O porto exterior da Coruña é un dos puntos de entrada e saída das mercadorías que intercambia a Galiza con Alxeria. (Foto: Europa Press).
photo_camera O porto exterior da Coruña é un dos puntos de entrada e saída das mercadorías que intercambia a Galiza con Alxeria. (Foto: Europa Press).

O cambio de postura do Estado español a respecto do Sahara Occidental e o seu achegamento a Marrocos derivou nunha crise comercial con Alxeria, un país no que as empresas galegas teñen numerosos intereses que agora ven perigar polo aumento das tensións entre ambos os territorios.
Segundo os datos do Instituto de Comercio Exterior (ICEX), entre xaneiro e marzo houbo 58 exportadores galegos que enviaron mercadorías ao país norte africano por un valor de perto de 14 millóns de euros, o que representa 16% máis que no mesmo período do ano anterior.

Destas empresas, que son 9,4% menos que o ano anterior, os datos do ICEX sinalan que 34 delas son exportadoras regulares, o que significa que manteñen relacións comerciais desde hai polo menos catro anos. 

Os produtos industriais e de tecnoloxía, e máis concretamente os eléctrodos de carbón, que aumentaron as súas vendas 336,9%, até os dous millóns de euros, ou o granito, cun volume próximo aos 1,4 millóns de euros, foron os principais bens exportados desde a Galiza ao país norte africano.

Xunto aos produtos industriais, que rexistraron no arranque do ano un crecemento de 8,2%, até superar en conxunto os 9,6 millóns de euros de valor das exportacións, os produtos agroalimentarios son outros dos bens que máis demanda teñen de Alxeria, cun incremento de 59,3% neste período, aínda que o seu peso non alcanza os 3,7 millóns de euros.

Ás voltas co gas

No caso das importacións de produtos procedentes de Alxeria á Galiza, os combustíbeis e lubricantes son os grandes protagonistas. Dos perto de 80 millóns en compras, estes produtos representaron case 9 de cada 10 euros, cun valor total de 71,8 millóns de euros (+414,2%). O resto das adquisicións (8,1 millóns de euros) tiñan que ver con produtos fertilizantes e medios para a protección de cultivos.

Detrás destas compras están firmas como Repsol, que obtén de Alxeria produtos que despois transforma na súa refinaría da Coruña. Cousa distinta é o gas que chega por gasoduto ao Estado español, onde a dependencia é total e si que pode tensionar aínda máis os prezos da enerxía, aínda que o Goberno español vén de facer efectivo un real decreto que, precisamente, limita o seu prezo nos mercados co gallo de que esta materia prima non condicione o que pagan as persoas consumidoras pola enerxía. 

O presidente da patronal galega, Juan Manuel Vieites, insistía hai uns días na necesidade de solucionar o problema "o antes posíbel", porque o prexuízo económico a empresas que tiñan unha relación "fantástica" con Alxeria, "pode verse quebrantada e incluso influír na liña de flotación das mesmas", advertiu.

Marrocos, un socio comercial aínda máis forte para a Galiza

En 2021, as vendas galegas a Alxeria ascenderon a 72,5 millóns de euros (+16,5 %) e as compras a 64,7 millóns (+108,1 %), con perto dun cento de empresas galegas implicadas nestas operacións.

Porén, estas  cifras quedan pequenas se se comparan coa  balanza comercial da Galiza con Marrocos, país enfrontado con Alxeria e cara ao que agora parece xirar a política de exteriores do Goberno español. Trátase do oitavo maior socio comercial da Galiza, con bens exportados por valor de 1.033,5 millóns  de euros (+66,1 %) e  importacións por 971 millóns, 32,2 % máis.

O número de empresas exportadoras foi de 725 e os bens que dominan as vendas galegas cara ao país alauíta son os tecidos e a moda galega, outros bens de consumo, produtos industriais e tecnoloxía e bens agroalimentarios.

Comentarios