A Fiscalía española insiste na persecución contra o ex president Puigdemont antes da aprobación da amnistía

A comisión de investigación pola compra de máscaras do Congreso cita Rueda, Corgos, Comesaña e Almuíña.
Carles Puigdemont (esquerda), a terza feira. (Foto: JUNTS+)
photo_camera Carles Puigdemont (esquerda), a terza feira. (Foto: JUNTS+)

Arredor dun mes antes da data prevista para a aprobación da lei de amnistía no lexislativo español, que deixará sen efecto a persecución xudicial contra persoas independentistas catalás represaliadas pola súa participación no proceso de autodeterminación no país, a Fiscalía do Tribunal de Contas español demanda 3,1 millóns de euros de forma conxunta ao ex president Carles Puigdemont e outros 34 ex cargos da Generalitat, entre eles o tamén ex president Artur Mas, segundo transcendeu a terza feira.

A reclamación fundaméntase no suposto desvío de fondos para a organización do referendo de independencia en 2017 e as accións internacionais na súa defensa lanzadas polo Executivo catalán. A Fiscalía insiste en que deben devolver ese importe posto que o referendo e a acción exterior non forman parte do “ámbito das competencias da comunidade autónoma” e aducindo “o gran número de actuacións irregulares”.

No seu caso, Mas xa fora condenado pola mesma corte a devolver seis millóns de euros polos gastos dunha consulta de autodeterminación en 2014. Estas actuacións enmárcanse na ofensiva do sistema xudicial español, controlado polos conservadores, contra a lei de amnistía.

A petición da Fiscalía fíxose pública despois de que Puigdemont, candidato de Junts nos comicios cataláns do 12 de maio, advertira ao PSOE, que lidera o Goberno español, que se o seu candidato, Salvador Illa, resulta investido presidente catalán co apoio da dereita e da ultradereita española retirarán o seu apoio parlamentario, do que depende o Executivo estatal.

Pola súa parte, o actual mandatario catalán e candidato de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Pere Aragonès, reafirmou que non renunciará a dúas das súas propostas principais, un modelo de financiamento singular e un referendo de autodeterminación, remarcando que as conversas co PSOE “sempre empezan cun non” e acaban cun “si”, como aconteceu coa amnistía.

Comisión de investigación pola compra de máscaras

Asemade, Illa comparecerá na comisión de investigación polas compras de material sanitario durante a pandemia na Cámara Baixa española a vindeira segunda feira como ministro de Sanidade naquela altura.

Entre as 134 persoas citadas están o presidente galego, Alfonso Rueda (Partido Popular), o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, ou os ex titulares de Sanidade, Julio García Comesaña e Jesús Vázquez Almuíña.

Comentarios