A Fiscalía do Supremo español rexeita imputar Puigdemont

Un error procesual pode acabar co 'Caso Tsunami'
María Ángeles Sánchez-Conde. (Foto: Ministerio Público español)
photo_camera María Ángeles Sánchez-Conde. (Foto: Ministerio Público español)

“Atopámonos ante meras conxecturas ou sospeitas que non permiten a atribución de feito delituoso algún a [o ex presidente catalán] Carles Puigdemont (Junts), nin tan sequera coa provisionalidade propia do presente momento procesual”, resolve o informe final da Fiscalía do Tribunal Supremo español, remitido hoxe á Sala Segunda do órgano, ao que demanda que non acepte asumir o caso da Audiencia Nacional sobre as protestas en Catalunya coordinadas por Tsunami Democràtic.

O xuíz da Audiencia Manuel García-Castellón, vinculado co Partido Popular (PP), “limítase a efectuar conxecturas carentes de base fáctica”, incide o documento, que fai énfase en que os feitos que o maxistrado considera indicios da súa participación na dirección da organización apuntan de feito a descartala.

Asemade, cuestiona a carencia dunha “investigación suficiente”, polo que é difícil asegurar a súa intervención ao “descoñecerse todo” de Tsunami Democrátic, que usou as novas tecnoloxías para impulsar as manifestacións en contra das sentenzas de prisión a membros do Executivo catalán por organizar un referendo de autodeterminación.

Este motivo tamén leva o Ministerio Público a descartar a acusación contra Ruben Wagensberg (Esquerra Republicana de Catalunya, ERC), aforado como Puigdemont, polo que García-Castellón reclamou ao Supremo asumir a causa, na que tamén foi imputada por terrorismo a secretaria xeral de ERC Marta Rovira.

Con todo, o informe avala que se investiguen as mobilizacións e conclúe que houbo "gravísimos incidentes con enfrontamentos coa Policía de importante gravidade".

O informe está asinado por María Ángeles Sánchez-Conde, tenente fiscal do Supremo, e acaba co debate no seo desta sección da Fiscalía, logo de que a Xunta de Fiscais da corte desbotara o informe do fiscal ao cargo do caso, Álvaro Redondo, que tamén rexeitara imputar Puigdemont por terrorismo por falta de indicios, votando maioritariamente por inculpar o ex mandatario catalán e insistindo en que os indicios corroboraban que lideraba Tsunami, que cualificaban como organización terrorista, a mesma liña marcada por García-Castellón.

Potencial anulación do caso

Sexa como for, hoxe transcendeu que a causa podería quedar anulada, tras denunciar tres persoas imputadas na Audiencia Nacional que a primeira prórroga da instrución xudicial decretada polo maxistrado en 2021 se rexistrou tres días despois da fin do prazo límite, o que noutras ocasións obrigou o Supremo a declarar non válidas as dilixencias posteriores a ese momento.

Comentarios