A Fiscalía de Brasil denuncia Bolsonaro por intento de golpe de Estado após a vitoria de Lula en 2022

O Ministerio Público afirma que o entón mandatario aprobou un plan para matar o seu rival político.
O ex presidente brasileiro Jair Bolsonaro nega adulteração em cartão de vacinação (Foto: Marcelo Camargo / Agencia Brazil).
O ex presidente brasileiro Jair Bolsonaro. (Foto: Marcelo Camargo / Agencia Brazil).

A Fiscalía Xeral de Brasil denunciou esta terza feira o ex presidente brasileiro Jair Bolsonaro e outra trintena de persoas por intento de golpe de Estado tras a vitoria de Luiz Inácio Lula da Silva nas eleccións presidenciais de 2022. É a primeira denuncia contra un ex xefe de Estado do país iberoamericano por tentar atentar contra o Estado de dereito.

O procurador xeral, Paulo Gonet, acusou un total de 34 persoas por "incentivar e executar actos contra os Tres Poderes e contra o Estado democrático de dereito", en referencia ao asalto de xaneiro de 2023 por parte dunha turba de seguidores do ex presidente que protestaban polo resultado electoral. En particular, os denunciados foron acusados de organización criminal armada, intento de abolición violenta do Estado democrático de dereito, golpe de Estado, dano cualificado con violencia e ameaza grave contra bens e con prexuízo considerábel da vítima e deterioración do patrimonio.

"As acusacións baséanse en documentos, arquivos dixitais e intercambios de mensaxes que revelan o esquema de ruptura da orde democrática. E describen con todo detalle o complot conspiranoico montado e executado contra as institucións democráticas. A organización tiña como líderes o presidente e o seu candidato a vicepresidente", reza un comunicado.

O Ministerio Público subliñou que Jair Bolsonaro, "xunto a outras persoas, tanto civís como militares, tentaron impedir, de forma coordinada, que se cumprise o resultado das eleccións presidenciais de 2022". Con todo, precisou que "o plan comezou en 2021". Segundo a denuncia, durante o mandato do ultradereitista, este "adoptou un ton crecente de ruptura coa normalidade institucional nas súas reiteradas declaracións públicas, nas que expresou o seu descontento con decisións de tribunais superiores e co sistema electoral electrónico vixente".

"Esa escalada gañou un maior impulso cando [...] Lula, visto como o contendente máis forte na carreira electoral, volveuse elixíbel, debido á anulación das súas condenas penais", reza o documento.

Ademais, en xullo de 2022, Bolsonaro reuniuse con representantes diplomáticos acreditados no país "para verbalizar as coñecidas e negadas acusacións de fraude nas máquinas de votación electrónica". Durante a segunda volta electoral, mobilizáronse axencias de seguridade "para evitar que os electores votasen polo candidato da oposición".

Así mesmo, sinalou que "os involucrados mantiveron a súa retórica de fraude e mantiveron o seu activismo con campamentos instalados fronte a cuarteis do Exército en varias capitais do país", mentres que "a organización criminal presionou" a altos cargos do Exército, "escribindo cartas e axitando compañeiros a favor de accións de forza no escenario político para impedir que o presidente electo asumise o cargo".

Gonet declarou que Bolsonaro "aprobou" un plan organizado para executar o golpe, no que "mesmo se admitiu a morte" por envelenamento do presidente electo [Lula], do seu vicepresidente, Geraldo Alckmin, e o uso de "armas de guerra" contra o xuíz do Tribunal Supremo Alexandre de Moraes.

"A violencia do 8 de xaneiro [de 2023] foi o último intento. A organización incentivou a mobilización do grupo de persoas fronte ao Cuartel Xeral do Exército en Brasília, que pediu intervención militar na política. Os participantes realizaron o percorrido acompañados e escoltados por policías militares do Distrito Federal, invadindo e vandalizando a sede dos Tres Poderes. O episodio xerou perdas de máis de 20 millóns de reais brasileiros [3,4 millóns de euros]", agregou.

A defensa de Bolsonaro, indignada

O equipo legal do ex presidente dixo estar "conmocionado e indignado polas acusacións feitas pola Fiscalía", debido a que, segundo aseverou, Bolsonaro "nunca apoiou ningún movemento que pretenda deconstruír o Estado democrático de dereito ou as institucións que o habilitan".

Nun comunicado publicado polo avogado Paulo Cunha, a defensa aseverou que "a pesar de dous anos de investigacións período no que foi obxecto de exhaustivos esforzos investigativos, apoiados en gran medida por medidas cautelares invasivas, incluída a prisión preventiva de partidarios próximos non se atopou ningún elemento que vinculase sequera remotamente" Bolsonaro "coa narrativa construída na denuncia".

"Non hai ningunha mensaxe do [entón] presidente que sustente a acusación, a pesar dunha procura realizada nos seus teléfonos persoais. A inepta acusación chega até o punto de atribuírlle participación en plans contraditorios e baseados nun único acordo de culpabilidade, alterado varias veces, por un informante que cuestiona a súa propia voluntariedade", manifestou.

Por iso, considerou que "non é casualidade que cambiase a súa versión innumerábeis veces para construír unha narrativa fantástica". "Bolsonaro confía na Xustiza e, por iso, cre que esta denuncia non prosperará pola súa precariedade, incoherencia e falta de feitos veraces que a sustenten ante o Poder Xudicial", concluíu.

No caso de que o Supremo admita a denuncia, o ex mandatario pasará a ser imputado e enfrontará un proceso penal nos tribunais.

Comentarios