Acompañado de Raúl Castro e Maduro

Fidel Castro reaparece en público con motivo do seu 90º aniversario

O ex presidente cubano Fidel Castro reapareceu en público na madrugada do domingo nunha gala que tivo lugar no teatro Karl Marx da Habana polo seu 90 aniversario. O líder da revolución cubana fixo a súa aparición xunto o seu irmán e presidente cubano, Raúl Castro, e o presidente venezolano, Nicolás Maduro.

[Imaxe Cubadebate] Entre Raúl Castro e Maduro, Fidel.
photo_camera [Imaxe Cubadebate] Fidel Castro

Un acto ateigado de referencias históricas arredor da Revolución marcou a festa polo 90 aniversario de Fidel Castro, que contou coa interpretación da cantante Omara Portuondo, os relatos do historiador Eusebio Leal Spengler, coa actuación do grupo de teatro infantil La colmenita e coa proxección de fragmentos do documentario Mi hermano Fidel.

Acompañaron o líder cubano o seu irmán, presidente do país, Raúl Castro, e o homólogo deste en Venezuela, Nicolás Maduro. Aliás, o acto de conmemoración do nacemento de Fidel contou coa presenza de numerosos revolucionarios que participaron no asalto ao cuartel Moncada, así como un amplo abano de representantes da sociedade civil e militar cubana.

Ao berro de Viva Fidel, Viva Cuba sumáronse as mostras de afecto ao ex mandatario, que agradeceu as felicitacións. “Desexo expresar a miña máis fonda gratitude polas mostras de respecto, os saúdos e os obsequios que recibín estes días”.

Comentarios