Falece o Doutor K, o estratega do "poder americano" sobre o mundo

O ex secretario de Estado e diplomático estadounidense Henry Kissinger faleceu aos 100 anos de idade. Arquitecto da xeopolítica dos Estados Unidos en boa parte da segunda metade do século XX, foi peza chave en numerosos conflitos, que impulsou ou amparou co pretexto de "frear o comunismo".

henry kissinguer
photo_camera (Foto: Europa Press)

Henry Kissinguer faleceu esta madrugada aos 100 anos de idade na súa residencia de Connecticut . Unha vida longa e na que este ex secretario de Estado dos Estados Unidos e diplomático estivo activo até o final. O pasado véran visitou China, xa cos 100 anos feitos, para manter unha reunión co presidente chinés, Xi Jinping.

Heinz Alfred Kissinger naceu en Alemaña en 1923, no seo dunha familia xudía. Coa  chegada de Adolf Hitler ao poder, a familia optou por marchar do país, rumbo a Estados Unidos. No país de acollida Kisinguer uniuse ao exército, onde fixo parte da intelixencia americana durante algunha das batallas máis coñecidas da II Guerra Mundial, como a das Ardenas, en Bélxica.

De volta en Estados Unidos, gradouse en Ciencias Políticas en Harvard, onde se incorporou como profesor. A súa tese doutoral, Paz, Lexitimidade e Equilibrio, centrouse na organización europea á caída de Napoleón. Nelson Rockefeller, membro dunha das familias máis ricas do país, financiou os proxectos especiais do novo profesor en Harvard. Rockefeller tiña ambicións políticas e fichou Kissinger como asesor

Carreira política

En 1959, Rockefeller converteuse en gobernador de Nova York. Desde esa posición buscou ser candidato presidencial republicano mais nunca triunfou nese intento. Quen si o logrou foi Richard Nixon, que gañou as eleccións presidencias en 1968. Unha das súas decisións foi situar Kissinguer  á fronte do Consello de Seguridade Nacional.

Nixon chegara á Casa Branca coa promesa de repatriar ás tropas de Vietnam, consciente da impopularidade da guerra en EUA e no mundo, así como sabendo da imposibilidade de gañala militarmente. O presidente reduciu a presenza militar, mais incrementou os bombardeos, que pasaron ser indiscriminados. Kissinger foi chave nesa decisión, que tivo entre as súas consecuencias (para alén de miles de mortos civís) estender o conflito no sueste asiático, a Camboxa e Laos, con bombardeos masivos e incursións do exército estadounidense para atacar desde alí o Vietcong No entanto, Kissinguer viaxaba a mediados de 1971 en segredo a Pequín, reuniuse co primeiro ministro Zhou Enlai e sentou as bases para a histórica visita de Nixon, en febreiro do ano seguinte.

Nobel

O xornalista Juan Pablo Csipka publica en Pàgina 12 un estenso repaso pola tarxectoria do estadounidense. "A comezos de 1973 produciuse o feito que terminou de pór o Doutor K, como o chamaban,na oprimeira liña. París foi o lugar elixido para as negociacións de paz con Vietnam do Norte. O interlocutor era Le Duc Tho, quen expuxo a imposibilidade dun acordo se primeiro non terminaban os bombardeos.  Finalmente, Kisinguer asinou a retirada das tropas estadounidenses e a desmilitarización de Vietnam do Sur. A guerra continuou dous anos e medio máis, até a vitoria norvietnamita.Le Duc Tho rexeitou o Premio Nobel da Paz en outubro de 1973. O galardón rexeitado era partillado con Kissinger. Houbo campañas para que se lle retire o premio, á luz dos seus antecedentes. As críticas increméntanse se se teñen en conta as datas. O Nobel foi outorgado un mes despois do golpe militar en Chile.

O ascenso da Unidade Popular fora un mal trago para Nixon en 1970. Estados Unidos empezou a desestabilizar o presidente chileno, elixido en eleccións libres. O propio Nixon sostiña que os chilenos se equivocaran con Salvador Allende e que a Casa Branca debía emendar o erro. Kissinger sostivo a postura de Nixon con estas palabras: “Non vexo por que temos que esperar e permitir que un país se volva comunista debido á irresponsabilidade do seu propio pobo”. Quedou á fronte do Comité 40, unha mesa integrada pola CIA, o Departamento de Estado e o de Defensa. Alí preparouse a acción contra Allende. O 11 de setembro de 1973, a ameaza da vía chilena ao socialismo foi substituída por unha ditadura brutal, a de Augusto Pinochet.

Ás dúas semanas de iniciado o réxime de Pinochet, Kissinger foi premiado co cargo polo cal será lembrado: o Departamento de Estado. A Kissinger tocoulle lidar, durante o seu primeiros once meses á fronte da diplomacia estadounidense, coa cuestión de Oriente Medio. Apenas asumido, principiou a guerra de Yom Kippur. O apoio de Washington a Israel foi total.

Caído Nixon en agosto do 74, asumiu Gerald Ford, que confirmou  Kissinger como chanceler. Non soamente iso. Ford decidiu que non quedase vacante a vicepresidencia e propuxo o nomeamento do gran soporte de Kissinger no seu ascenso: Nelson Rockefeller.

1975 foi o ano no que o Doutor K ramificou a súa influencia a outros lugares do mundo. En África, impediu que o Sahara Occidental tivese a súa autodeterminación. O territorio era un protectorado español e estaba a promesa de que o pobo saharauí tería o seu Goberno. Con todo, Estados Unidos impulsou Marrocos, en plena agonía de Francisco Franco. O rei Hassan II mobilizou a miles de súbditos na Marcha Verde e España cedeu. O Sahara Occidental quedou ocupado desde entón por Marrocos. Kissinger pensaba que o autogoberno saharauí podería converter ao territorio nun enclave soviético.

De feito, esa tese estaba apoiada polo que pasaba en Angola. A antiga colonia portuguesa conseguiu a súa independencia en 1975 e desatouse unha guerra civil na que o Movemento Popular de Liberación de Angola contou co apoio da Cuba. EUA tamén estivo a seguir a Revolución do 25 de abril en Portugal, temendo de que o país acabase sumándose ao comunismo.

Timor

En 1975, Kissinger fixo outra das súas, desta volta no sueste asiático e noutra antiga colonia portuguesa ía camiño de independizarse. Ford e Kissinger viron con preocupación que Timor Oriental podía chegar a ter un Goberno de esquerda. Entón deron luz verde á invasión de Indonesia. O ditador Suharto, un aliado da Casa Branca, ocupou a illa e provocou unha sanguenta represión. Indonesia era un bastión anticomunista e o espello para deseñar o que sería a Operación Cóndor no Cono Sur, a rede de coordinación entre ditaduras latinoamericanas para reprimir á poboación civil.

En 1976 Kissinger afrontou o que sería o seu último ano na cimeira, e América Latina converteuse no principal tema da súa axenda. Estados Unidos viu con bos ollos a chegada ao poder na Arxentina dunha ditaduras. Con todo, o Kissinguer tomara nota do sucedido en Chile e permitiuse dar consellos aos militares arxentinos. Instou a Xunta Militar a actuar na clandestinidade, evitando imaxes como as que o pinochetismo ofrecía no Estadio Nacional.  Así se plantou a semente do acordo da ditadura con Burson Masteller, a axencia de publicidade contratada polo réxime de Videla para contrarrestar a "campaña antiarxentina". O 21 de xuño de 1978, xunto con Videla, Kissinger presenciou o 6 a 0 da Arxentina a Perú pola Copa do Mundo.

Neses meses do 76, o Secretario quedou no ollo da tormenta polo atentado que lle custou a vida a Orlando Letelier, ex chanceler de Salvador Allende. Unha bomba no seu coche matouno a el e á súa secretaria estadounidense o 21 de setembro de 1976, a poucas rúas da Casa Branca. O 20 de xaneiro de 1977, Jimmy Carter asumiu como presidente, e terminou a era Kissinger. Carter rompeu coa lóxica do Secretario e criticou ás ditaduras latinoamericanas. O académico, con 53 anos, pasou á actividade privada. Integrouse á Corporación RAND (Research and Development, , Investigación e Desenvolvemento), unha organización que financia o Goberno de Estados Unidos e ofrece servizos de asesoría ao Pentágono".

Os seus valedores lembran que el tivo parte na aposta pola disensión coa Unión Sovietática e que foi chave na normalización das relacións con China. 

Comentarios