Vietnam rexorde medio século despois dos acordos de París cos Estados Unidos

Vietnam precisou máis dun século de loita para librarse da opresión estranxeira. A pesar diso, o país experimentou unha forte transformación desde a chegada da paz. 
O primeiro ministro de Vietnam Pham Minh Chinh recibe o chanceler alemán Olaf Scholz nunha visita a Hanoi a finais de 2022. (Foto: Kay Nietfeld / dpa)
photo_camera O primeiro ministro de Vietnam Pham Minh Chinh recibe o chanceler alemán Olaf Scholz nunha visita a Hanoi a finais de 2022. (Foto: Kay Nietfeld / dpa)

O día 27 da vindeira semana fanse 50 anos desde a sinatura do acordo de París en 1973. O pacto supuxo o comezo da fin da guerra de Vietnam e da ocupación estadounidense en Vietnam do Sur, que se estendería até 1975, cando as tropas comunistas asaltaron cidade Ho Chi Minh, daquela denominada Saigon, e impulsaron un proceso de reunificación que culminou 
en 1976.

O pacto deu paso a un primeiro alto o fogo após asinar Washington que os seus soldados abandonarían o país, así como respectaría o dereito de autodeterminación da poboación vietnamita, Laos e Camboxa.

Así e todo, nunha situación semellante a acontecida en 2021 en Afganistán coa perda do poder do Goberno instaurado polos estadounidenses, até poucos minutos antes de que os comunistas se fixeran definitivamente co control do país se desenvolveu unha evacuación de urxencia dos militares e funcionarios dos Estados Unidos, cuxa Intelixencia confiaba en que Vietnam do Sur aguantaría cando menos até 1976, nunha política exterior moi semellante á que aplicaron en Corea do Sur para intentar evitar a reunificación do país baixo un Executivo comunista.

Antes dos Estados Unidos o pobo vietnamita xa expulsara as tropas xaponesas e francesas, comezando en 1976 a reconstrución do país despois dun século de conflitos.

Segundo os datos do Banco Mundial, o produto interior bruto de Vietnam multiplicouse por 10 desde ese ano, chegando a medrar máis do 7% anualmente, mentres que o seu índice de desenvolvemento humano elevouse 50% nas últimas tres décadas, permitíndolles ingresar no grupo dos Estados considerados de Alto desenvolvemento humano. O último plan quinquenal marca 2045 como o ano no que prevén alcanzar o status de país de altos ingresos.

A nivel económico, foi chave o Doi Moi (renovación), que fixou en 1986 o obxectivo de impulsar unha economía de mercado con orientación socialista, na que os sectores chave permanecen en mans de corporacións públicas e o Estado rexe a evolución da economía. Isto posibilitou unha rápida resposta contra a Covid-19 que recibiu os eloxios dos organismos internacionais, ao desenvolver un sistema de rastrexo e confinamentos que durante os primeiros meses da pandemia mantivo a cero o seu contador de falecementos.

Así e todo, o país enfronta varios retos, como a adaptación ao quecemento global; a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura sinala que “Vietnam é un dos países máis vulnerábeis do mundo ao cambio climático”, amais, “a pesar dos rápidos avances no desenvolvemento nas últimas décadas aínda non se conseguiu o obxectivo de acabar coa fame, xa que en determinadas zonas localizadas seguen a existir focos de pobreza e desnutrición”.

Loita contra a corrupción

Unha das maiores campañas activas a nivel político, consolidada pola reelección para un terceiro mandato en 2021 de Nguyen Phu Trong na Secretaría Xeral do Partido Comunista, é a que combate a corrupción.

Nese sentido, os primeiros días de xaneiro a Asemblea Nacional vietnamita aprobou a destitución de dous vice primeiros ministros do país acusados nunhas investigacións por corrupción. Desde 2016, cando comezou a iniciativa, foron cesados dos seus cargos e xulgados varios oficiais das Forzas Armadas, membros do Politburó e do Comité Central.

Esta segunda feira, a campaña provocou a dimisión de maior rango, ao presentar a súa renuncia o presidente do país e líder da corrente tecnócrata dos comunistas, Nguyen Xuan Phuc, ao verse acusado por corrupción.

No plano diplomático, Hanoi ten vínculos en ámbitos como a Defensa con Washington, nun nivel inferior á relación coa China, que aínda así decorre entre disputas pola soberanía de varias illas no mar da China Meridional.

De forma paradoxal, a case medio século do final da guerra Vietnam é un dos destinos preferidos dos pensionistas estadounidenses, que buscan mellores condicións de vida que as que poderían atopar coas súas xubilacións no seu país de orixe. Até 100.000 viven en Vietnam.

 

Comentarios