O ex futbolista Lineker é apartado da BBC por comparar a política migratoria do Reino Unido coa Alemaña Nazi

As opinións no Twitter de Lineker, coñecido na esfera británica pola súa postura pública en favor da acollida de refuxiados e solicitantes de asilo, costáronlle o seu posto como director dun programa da televisión pública do Reino Unido. 
O ex futbolista Gary Lineker, conducía un programa na BBC desde o ano 1999 (Foto: Ian Walton / PA Wire / DPA)
photo_camera O ex futbolista Gary Lineker conducía un programa na BBC desde o ano 1999 (Foto: Ian Walton / PA Wire / DPA)

A cadea de televisión pública británica BBC, apartou un dos seus presentadores máis recoñecidos, o ex futbolista Gary Lineker, do programa deportivo que conducía desde 1999, a raíz dos seus comentarios contra a proposta de lei para frear o fluxo migratorio na canle da Mancha do Goberno do Reino Unido, da que o presentador opinou na súa conta de Twitter que utiliza unha linguaxe similar ao da Alemaña nazi.

Lineker, estrela do fútbol na súa mocidade e até o de agora o presentador mellor pagado da BBC, expresou a comezos de semana na súa conta persoal da rede social o seu rexeitamento á reforma: "Esta é unha política inmensamente cruel dirixida ás persoas máis vulnerables, usando unha linguaxe que non dista do utilizado por Alemaña nos anos 30".

A cadea mantivo desde entón conversacións co presentador, que se negou a retractarse das súas palabras, polo que nas últimas horas vén de decidir que Lineker "dará un paso atrás" e non presentará o programa Match of the Day deste sábado, en palabras da BBC, "até que cheguemos a unha acordada e clara posición sobre o seu uso das redes sociais".

"Nunca dixemos que Gary tivese que ser unha zona libre de opinións, ou que non poida ter opinións en temas que son importantes para el, mais afirmamos que debería afastarse de tomar partido en temas relativos a partidos políticos ou controversias políticas", engade o comunicado da BBC.

Polo momento, o resto de presentadores do programa informaron á BBC de que non participarán na emisión deste sábado por "solidariedade" co seu compañeiro, que é coñecido na esfera británica pola súa postura pública en favor da acollida de refuxiados e solicitantes de asilo.

Reaccións políticas

Tamén diversos personaxes da política mostraron a súa opinión ao coñecer a decisión da BBC, que a primeira ministra escocesa, Nicola Sturgeon, cualificou de "indefendíbel". "Está a socavar a liberdade de expresión fronte á presión política, e parece que é sempre á presión política da dereita á que se someten", publicou na súa conta de Twitter.

O ex líder laborista Jeremy Corbyn tamén agradeceu a Lineker por "tomar partido polos refuxiados", e fixo un chamamento para "mobilizarnos contra as políticas de crueldade, e derrotar esta inhumana, ilegal e inmoral lexislación".

Por outra parte, desde o Goberno do Reino Unido tamén xurdiron voces criticando os comentarios de Lineker. A ministra do Interior, Suella Braverman, recriminou ao presentador que os seus comentarios "diminúen a indescritíbel traxedia" do Holocausto, segundo recolle The Guardian.

O Reino Unido "pode violar" o Dereito Internacional

O Executivo do Reino Unido presentou a pasa terza feira unha nova lei coa que busca deportar "rapidamente" a quen chegue a territorio británico, aínda que iso supoña acometer expulsións antes de resolver unha petición de asilo ou deportar a migrantes a terceiros Estados, como Ruanda.

A comisaria europea de Interior, Ylva Johansson, expresou na quinta feira que a súa primeira impresión tras coñecer o proxecto do Goberno británico de tramitar a norma é que "pode violar" o Dereito Internacional.

Comentarios