Escocia

Dimite Nicola Sturgeon: "Marcho desde o sentido do deber, non polas presións"

"Lograr a independencia é a causa á que dediquei a miña vida [...] Creo sen dúbida que o meu sucesor levará Escocia á independencia", asegura.
Nicola Sturgeon anunciou esta cuarta feira a súa renuncia. (Foto: Jane Barlow / PA Wire)
photo_camera Nicola Sturgeon anunciou esta cuarta feira a súa renuncia. (Foto: Jane Barlow / PA Wire)

A que foi a ministra principal de Escocia nos últimos oito anos e medio, Nicola Sturgeon, deixará o cargo cando a súa formación, o Partido Nacional Escocés (SNP, en inglés), do que tamén renunciará como dirixente, designe a persoa que a substituirá. Así o vén de anunciar esta cuarta feira nunha rolda de prensa na que asegurou que marcha "non polas presións, senón desde o sentido do deber".

Refírese Sturgeon ás críticas das que foi albo nas últimas semanas en relación coas múltiples frontes abertas con Londres, sobre todo, no que atinxe ao ansiado segundo referendo de autodeterminación, após a derrota do independentismo nas urnas en 2014, e á Lei 'trans' da que fixo gala o seu Goberno.

A futuríbel consulta topou en novembro pasado co Tribunal Supremo do Reino Unido, que rexeitou, por unanimidade dos cinco maxistrados que participaron da votación, que o Parlamento escocés poida convocar pola súa conta propia un referendo sen o permiso da Cámara británica.

E no que respecta á Lei de Reforma de Recoñecemento de Xénero, que facilitaba os trámites para mudar a identidade de xénero e reducía a 16 anos a idade mínima para facelo, foi bloqueada polo Executivo de Rishi Sunak desde Londres —primeira vez en 25 anos que Downing Street limitou as competencias autonómicas— e criticada no seo do seu propio partido, así como polo seu predecesor no cargo, Alex Salmond.

"Podería seguir uns poucos meses máis, un ano quizais, pero sei polo tempo que pasou que cada vez tería menos enerxía para seguir no posto", dixo, ao tempo que desbotou que a decisión se deba a "presións a curto prazo" malia recoñecer que houbo "temas difíciles" nas últimas datas. "Tamén son un ser humano", subliñou.

Nicola Sturgeon apelou ao "sentido do deber" e o "amor" polo partido e o país para xustificar este paso a un lado que dará proximamente. Ao próximo ministro principal déixalle un encargo de cara ao futuro: "Lograr a independencia é a causa á que dediquei a miña vida [...] Creo sen dúbida que o meu sucesor levará Escocia á independencia".

Comentarios