O ex axente do MI6 británico autor do dossier sobre Trump di estar "aterrorizado"

O período de transición de Trump á presidencia dos EUA -que formalmente asumirá o 20X- fornece un excelente material para que calquera émulo de Graham Green se anime a escreber unha novela. Esta quinta feira trascendeu a identidade do autor do dossier sobre os supostos contactos secretos do magnate con Putin. É un ex axente do MI6 británico. Afirma temer pola súa seguranza.

Screen Shot 2017-01-11 at 17.28.15

Foi o Wall Street Journal o meio que revelou a identidade de Steele, un espía ao que algúns meios vinculan tamén co achado (mellor dito, a invención) das armas de destrución masivas no Iraque de Hussein. O ex axente do MI6 británico sería o autor do informe que estabelece vínculos secretos entre Trump e Moscova e que indica que Rusia dispón de material comprometedor (incluíndo vídeos sexuais de encontros do magnate con prostitutas) co que eventualmente chantaxear o presidente eleito.

Quer Trump quer Putin teñen descualificado o material e téñense referido a el como noticia fraude.

Trump chegou esta cuarta feira ao límite de insinuar que o dossier foi filtrado polas axencias de intelixencia norteamericana, o que o levou a se perguntar se estaba a viver "na Alemaña nazi".

Ao trascender a noticia da súa identidade, Steele teríase dado á fuga, informa o Daily Telegraph. O ex espía dirixe unha empresa de seguranza que vende os seus servizos a grandes corporacións precisamente co reclamo de ter en nómina antigos axentes secretos. Steele serviu no MI6 durante 20 anos en Moscova.

As fontes informantes do Telegraph afirman que Steele tería desaparecido por medo a sofrer represalias.

O que se sabe certo é que o ex espía foi contratado por unha empresa de Washington para investigar os fíos das relacións de Trump co Kremlin. As súas pesquisas foron entregues ao FBI e son a base do relatorio que os servizos de intelixencia trasladaron quer ao presidente saínte quer ao presidente eleito dos EUA.

A empresa de Washington que contratou os servizos de Steele traballaba ao tempo para o sector crítico a Trump dentro do Partido Republicano (tería sido recrutado por Jef Bush, de acordo coa BBC) e para o Partido Demócrata.

Formidábel material para un thriller. A ver quen se anima.

Comentarios