Primeira conferencia de imprensa do presidente eleito

"Se Putin gosta de Trump iso é un activo, non un pasivo"

Trump dixo que gosta das conferencias de imprensa e que o seu costume era dar unha case todos os días. Non o fixo até o de agora, apenas a 9 días de xurar o cargo, dada a avalancha de "noticias inexactas" que circulan sobre el, alegou. Admitiu que os EUA foron hackeados por Rusia, mais tamén, dixo, "por outros países".

Screen Shot 2017-01-11 at 17.28.15
photo_camera Imaxe da primeira conferencia de imprensa de Trump como presidente eleito

A conferencia de imprensa de Trump pivotou basicamente sobre un asunto: os seus vínculos reais ou supostos con Rusia. O presidente eleito negou o contido do dossier entregado polo senador McCain ao FBI e, como xa fixera en twitter, cualificouno de noticia fraude. Parabenizou os meios que non se fixeron eco del e mostrou a súa confianza en que non fora filtrado por axencias de intelixencia. Caso contrario, alegou, sería unha "tremenda mancha" no seu legado.

Trump, moi presionado sobre o asunto da hipotética inxerencia rusa na campaña eleitoral, acabou concedendo que "a respeito do hackeo, creo que foi Rusia", mais a seguir optou por diluír a responsabilidade da Administración Putin nunha sorte de práctica xeneralizada: "Creo que tamén somos hackeados por outros países". E nese sentido sinalou Beijing.

O presidente eleito voltou a utilizar declaracións formuladas por Putin como material da súa defensa. "O presidente Putin e Rusia emitiron un comunicado hoxe no sentido de que esta noticia fraude era unha noticia fraude. Eu respeito que dixese iso".

Perguntado directamente pola imprensa sobre se aceita o feito de que Putin tivese manobrado para el lle gañar as eleccións a Clinton, Trump deixou ver que é un home de empresa e formulou a cuestión en termos empresariais: "Se Putin gosta de Trump eu considero isto un activo, non un pasivo, porque nós temos unha relación horríbel con Rusia". A seguir, en ton entre desafiante e burlón, repuxo: "Vosté considera honestamente que Hillary sería máis dura con Putin do que vou ser eu? Alguén realmente pode acreditar nisto?".

Cámaras nos hoteis nos lugares máis estraños

Trump aludiu oblicuamente á hipótese de que Rusia tivese no seu poder algún vídeo seu de carácter sexual tomado durante unha visita a Moscova. Explicou que sempre que viaxa toma precaucións especiais, que sempre está rodeado de garda-costas e que sempre lle insiste aos membros da súa comitiva que teñan tino, que nos hoteis hai cámaras ocultas "nos lugares máis estraños". "Ou vas a modo ou acabarás véndote nalgún programa nocturno na TV", iso é o que lles di aos seus cando viaxan.

"Esta Administración creou ISIS"

O presidente eleito defendeu a alianza con Rusia porque "pode axudarnos a combater o ISIS" e nese sentido non dubidou en acusar a Administración Obama de ter criado o Daesh por ter "abandonado [o escenario de combate] no pior momento". "No baleiro [deixado polos EUA] formouse o ISIS". E a seguir engadiu: "Se Putin gosta de Trump, eu a iso chamaríalle un activo, non un pasivo. Non sei se me vou levar ben con Putin, agardo que si, aínda que tamén hai bastantes posibilidades de que non".

Comentarios