Os EUA recúan no recoñecemento da soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental

O secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken, salienta a confianza no novo enviado da ONU, mais négase a reafirmar a soberanía de Rabat sobre un territorio que a ONU define como colonizado.
Antony Blinken. (Foto: Francisco Canedo/ Europa Press)
photo_camera Antony Blinken. (Foto: Francisco Canedo/ Europa Press)

En decembro de 2020, un mes despois da ruptura do alto o fogo entre Marrocos e a República Árabe Saharauí Democrática, o Reino alauí anunciaba a normalización das relacións con Israel, nun acordo apadriñado polos Estados Unidos (EUA) no mandato de Donald Trump, que a cambio recoñecía a soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental, un territorio colonizado segundo a Organización das Nacións Unidas (ONU).

Aínda que no seu momento isto reforzou os intentos de Rabat por consolidar a ocupación do territorio saharauí, co apoio de Francia -antiga potencia colonial-, a nova Administración nos EUA, dirixida por Joe Biden, vén de marcar distancia da decisión tomada polo seu predecesor.

O secretario de Estado norteamericano, Antony Blinken, negouse explicitamente a recoñecer a soberanía de Marrocos tras unha xuntanza co ministro de Exteriores alauí, Nasser Bourita, no serán da segunda feira (madrugada da terza na Galiza).

Blinken asegurou confiar no novo enviado especial da ONU, o ítalo-sueco Staffan de Mistura, para reactivar o “proceso político” e construír “unha resolución digna e duradeira” do conflito.

Asemade, avalou a proposta de autonomía limitada feita por Marrocos como un plan “serio, realista e críbel” que “satisfaga as aspiracións do pobo do Sáhara Occidental”.

Porén, a Fronte Polisario, lexítima representante do territorio segundo as institucións internacionais, rexeita a proposición e defende o dereito de autodeterminación. De feito, a presenza da ONU desde 1991 na zona está orientada nese sentido, ao constituír a Misión para o Referendo do Sáhara Occidental (Minurso).

Revés nos tribunais

Ademais, as pretensións imperialistas de Marrocos á hora de normalizar a ocupación están sendo paulatinamente rexeitadas polos tribunais. O órgano Xeral de Xustiza da Unión Europea revogou este ano os acordos de pesca e comercio cos que Marrocos obtén beneficios da colonización, ao non dar o seu consentimento o pobo saharauí a través do seu representante lexítimo, o Polisario.

A pesar de que esta decisión foi recorrida polos Estados membros, a organización saharauí continúa denunciando e impugnando por todas as vías a apropiación marroquí dos seus recursos. O domingo, volveu reclamar a todas as empresas estranxeiras que abandonen o territorio, lembrándolles que a súa presenza implica unha “flagrante violación da legalidade internacional”.

Comentarios