O proceso de "marroquinización do Sáhara" segue a sumar máis apoios internacionais

A Fronte Polisario aspiraba a sumar apoios internacionais despois da operación no paso de Guerguerat de novembro pasado, mais o resultado foi totalmente oposto. A poucos días de que a cuestión saharauí chegue ao Consello de Seguridade das Nacións Unidas, a convocatoria dun referendo está máis lonxe que nunca.
EuropaPress_3583282_27_february_2021_algeria_tindouf_sahrawi_troops_parade_during_celebrations
photo_camera Desfile o pasado 27 de febreiro no campo de refuxiados de Tinduf, en Alxeria, no aniversario da RASD (STR / dpa)

Como cada día desde que o 14 de novembro a Fronte Polisario declarou roto o cesamento do fogo con Marrocos en resposta a unha acción militar marroquí contra activistas saharauís en Guerguerat, o Ministerio da Guerra da República Árabe Saharauí Democrática (RASD) emitiu o parte de guerra. O desta terza feira, 6 de abril, fixo o 146º. "Os vitoriosos ataques do Exército Popular de Liberación Saharauí continúan contra as forzas de ocupación marroquís ao longo do muro militar marroquí, causando baixas mortais e considerábeis perdas materiais", sinalaba, segundo recolleu a axencia SPS.

Porén, a situación real ─polo menos no plano diplomático─ é moito menos optimista para os intereses da causa saharauí, a poucos días de que o conflito do Sáhara Occidental chegue ao Consello de Seguridade da ONU. Será o 21 de abril, segundo recolle o calendario oficial para este mes do organismo internacional. 

Como cuestión principal abordaranse as iniciativas para reactivar o proceso político co fin de resolver o conflito. Collin Stewart, principal responsábel da Misión das Nacións Unidas para o referendo no Sáhara Occidental (Minurso), presentará un informe sobre a situación actual de estancamento das negociacións e sobre os choques armados. Cómpre lembrar ademais que desde a dimisión en maio de 2019, por motivos de saúde, do ex presidente alemán Horst Kohler, o posto de enviado especial da ONU para o Sáhara Occidental está vacante.

Marrocos, en plena forma

Marrocos afronta esa sesión do Consello de Seguridade no seu mellor momento diplomático, cun apoio explícito por parte de numerosos países africanos. Gambia, Guinea, Gabón, Xibutí, Liberia, Burkina Faso, Guiné-Bissau, Guinea Ecuatorial, República Democrática do Congo, República Centroafricana, São Tomé e Príncipe, Gabón, Comores, Costa de Marfil, Zambia, Suacilandia e Burundi abriron consulados ante Marrocos en cidades saharauís (El Aaiun e Dakhla) no último ano. Liberia fíxoo o 12 de marzo e esta semana uniuse o Senegal.

En xeral, Marrocos recuperou unha posición preeminente na Unión Africana a nivel político e económico, tras varios anos de ausencia polo recoñecemento desta da RASD. Ademais, Estados Unidos publicaba en decembro unha declaración de Recoñecemento da Soberanía do Reino de Marrocos sobre o Sáhara Occidental, correspondida por Rabat co restabelecemento de relacións con Israel. Emiratos Árabes Unidos, Xordania e Bahrein seguiron os mesmos pasos. 

Tamén mantén boas relacións coa China. E mesmo con Rusia, que malia ser un histórico aliado de Alxeria ─e este, á súa vez, da RASD─ e criticar o recoñecemento estadounidense, renovou a finais de 2020 os acordos pesqueiros para operar exclusivamente en augas do Sáhara Occidental, segundo recolleu Atalayar, revista de actualidade sobre España, Marrocos e Alxeria (editada con colaboración da Embaixada marroquí en Madrid). 

"Garante da paz"

Ademais, preséntase como o actor garante da paz na rexión, na liña da resolución recentemente aprobada pola UA no marco da iniciativa "Silenciar as armas" para traer estabilidade á rexión. Esta terza, Marrocos emitiu un comunicado reclamando ao Consello de Seguridade "determinar, con toda obxectividade, quen viola o cesamento do fogo a diario e quen reclamou o seu final, por unha banda, e pola outra, quen se aferra a este cesamento do fogo e quen o anunciou ao máis alto nivel".

En palabras do ministro de Exteriores marroquí, Naser Burita, recollidas pola axencia estatal de noticias, MAP, "é benvido" quen queira iniciar conversas "para atopar unha solución no marco do plan de autonomía" ou continuarase co que Rabat denomina "proceso de reafirmación da marroquinidade do Sáhara". O plan é rexeitado pola Polisario, que se aferra ao dereito internacional.

O Centro de Estudos sobre o Sáhara Occidental (CESO) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) recompila na súa web todas as resolucións aprobadas pola Asemblea Xeral e polo Consello de Seguridade da ONU desde 1975 até a actualidade. A constante durante todos estes anos de cara á fin do conflito é a reclamación dun "referendo para a libre determinación do pobo do Sáhara Occidental". 

O bloqueo de Guerguerat, a estratexia da Polisario con efectos contraproducentes

Guerguerat, baixo control marroquí, é o principal paso a Mauritania. Rabat considera a zona entre este posto e a fronteira como 'terra de ninguén'; a Polisario di que é territorio propio, segundo o acordo de cesamento do fogo de 1991. Co bloqueo por parte de activistas saharauís quíxose forzar a intervención militar marroquí, mais a Polisario non logrou o efecto esperado.

Ao contrario: deu munición aos defensores do statu quo. Especialmente Francia, membro do Consello de Seguridade (na imaxe) ─a quen o Goberno saharauí pediu nas últimas horas "deixar de apoiar cegamente a ocupación marroquí"─, manifestou a súa "preocupación" polo bloqueo de Guerguerat e, tras o 14 de novembro, por traer máis inestabilidade a unha zona veciña doutra de interese e presenza militar francesa: o Sahel.

Comentarios