domingo 23/01/22

O escrutinio confirma a quinta maioría absoluta do ANC en Suráfrica

A forza do actual Presidente Jacob Zuma logra un 62,16% de respaldo popular, o que lle permitirá un segundo mandato. O ACN dedicou a vitoria a Nelson Mandela, coincidindo co vinte aniversario da súa chegada á Presidencia.

zuma
O resultado concede un segundo mandato a Zuma

Tras o reconto do 99,7% dos distritos electorais a Comisión Electoral Independente confirmou que as eleccións xerais na República de Suráfica resultaron nunha nova maioría absoluta do Congreso Nacional Africano (ANC. A participación atinxiu máis do 73% e a Unión Africana visou a limpeza dun proceso electoral que se desenvolveu sen incidentes de relevancia.

A forza política que liderou Nelson Mandela e coa que o actual Presidente Jacob Zuma optaba á reelección por cinco anos máis, recolleu o apoio de 11,5 millóns dos votos emitidos (62,16%), tres puntos por baixo dos resultados dos comicios anteriores. Malia o impacto negativo logo da morte, a mans da policía, de varias decenas de manifestantes durante unha folga da minaría e o escandaloso investimento de 20 millóns de dólares na residencia privada do Presidente, o ANC mantén desta maneira practicamente intacto o liderado político do país que ostenta desde a queda do réxime segregacionista en 1994. 

"As urnas corroboraron ao ANC como a única esperanza verdadeira para a maioría do pobo" celebrou o Presidente Zuma

Zuma valorou o resultado logrando asegurando que "as urnas corroboraron ao ANC como a única esperanza verdadeira para a maioría do pobo surafricano, en particular os pobres e a clase traballadora". Aliás, prometeu pór en marcha un "Plan nacional de desenvolvemento" co que pretende promover o crecemento económico "incluínte" e máis a creación de emprego. 

Tras o ACN a segunda forza volveu ser Alianza Democrática (AD), de orientación neoliberal e con base fundamental na minoría branca, que obtivo un 22,22% e aproximouse a contabilizar 4 millóns de votos. AD mantense firme no seu feudo electoral, a provincia de Cabo Occidental, onde logrou o 60% dos sufraxios.

Pola súa banda a formación esquerdista Loitadores pola Liberdade Económica (EFF), liderado polo exdirixente xuvenil do ANC Julius Malema obtivo un 6,35%, a pesar de ter transcorrido menos dun ano desde a súa fundación en xullo de 2013. As minorías zulú e afrikáner, terán presenza na Asemblea Nacional, ao lograren o Inkhata e o Partido Nacional da Liberdade, 9 e 6 escanos respectivamente O grande derrotado dos comicios foi o Congreso do Pobo, cindido do ANC, que apenas logrou un 0,7% face o 7,4% de 2009.

A nivel provincial, onde se escollían as lexislaturas das que sairán os respectivos Primeiros Ministros así como os 90 escanos da cámara baixa, o ANC obtivo uns resultados semellantes que nas eleccións a nivel nacional. O partido de Zuma alzouse vencedora na importante rexión de Gauteng (da que fan parte Johannesburgo e a capital, Pretoria) e noutras 7 provincias.

Vitoria dedicada a Mandela no vinte aniversario da súa Presidencia

Jacob Zuma quixo dedicar esta nova vitoria a Nelson Mandela, cando se cumpren vinte anos do inicio da súa presidencia logo da vitoria do ANC nas primeiras eleccións democráticas tras a queda do apartheid. “Estamos particularmente emocionados polo feito de que recollimos esta abrumadora decisión do noso pobo nun día importante da historia do noso país" dixo o actual lider do ANC.  O 10 de maio de 1994 Madiba tomaba posesión como primeiro presidente negro de Suráfrica, despois de obter un 63% de apoio popular nos comicios do 27 de abril dese ano. Facíao con 72 anos de idade e tras pasar os 27 últimos preso no cárcere de Long.

 O 10 de maio de 1994 Madiba tomaba posesión como primeiro presidente negro de Suráfrica

Da acción de goberno de Mandela salientan o desenvolvemento económico, da vivenda e da educación dentro do obxectivo de mellorar as condicións de vida da poboación, así como a aprobación dunha reforma agraria inda por culminar. Para alén da superación do réxime racista anterior, a etapa política iniciada coa chegada de Mandela á Presidencia do país tivo efectos evidentes na poboación. A pobreza absoluta, que en 1994 atinxía o 41%, reduciuse en dez puntos até o 31% nas dúas últimas décadas e arestora son máis de 16 millóns as persoas que reciben subsidios e axudas por parte do Estado. Suráfrica fai parte hoxe do bloco dos países emerxentes, os denominados BRICS, canda Brasil, Rusia,  Indica e China. Porén, son numerosos os reptos pendentes no país, e frecuentes as voces críticas que sinalan falencias como a falta de distribución da riqueza, que continúa fundamentalmente en mans da minoría branca e dunha pequena elite negra.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

O escrutinio confirma a quinta maioría absoluta do ANC en Suráfrica
comentarios