O Ecuador rexeita as medidas neoliberais defendidas por Noboa e apoia o reforzo da seguridade

Aprobadas nove das 11 preguntas do referendo.
O presidente Daniel Noboa. (Foto: Presidencia do Ecuador)
photo_camera O presidente Daniel Noboa. (Foto: Presidencia do Ecuador)

O Consello Nacional Electoral do Ecuador difundiu na madrugada da segunda feira os resultados do escrutinio rápido das 11 preguntas sometidas a referendo o domingo, que inclúen reformas constitucionais, propostas polo presidente conservador Daniel Noboa, e que apunta a un resultado positivo en nove das cuestións consultadas.

A poboación tería apoiado que os militares asuman tarefas das forzas de seguridade como controlar as estradas que levan aos cárceres e participen no combate contra o crime organizado. Tamén avalaría permitir a extradición de nacionais ou elevar as penas de varios delitos, limitar os permisos de armas ou que se simplifique a lexislación para que o Estado asuma a propiedade de bens de orixe ilícita.

Todo iso no medio dunha onda de violencia, como ratificou o asasinato do director dunha prisión durante o referendo.

Así e todo, os datos indican que as dúas propostas que conformaban o núcleo principal das votacións terían sido rexeitadas amplamente, acabando coa intención de Noboa de legalizar os contratos de traballo por horas e de estabelecer a arbitraxe internacional como mecanismo de resolución de conflitos no ámbito dos investimentos e o comercio, algo que beneficiaría as empresas multinacionais.

Comentarios